07 de marzo de 2013
07.03.2013

Amigo Ferrín

07.03.2013 | 07:39

Chamáronme os amigos para trasladarche, benquerido amigo, o seu cariño e apoio solidario nestes intres en que as forzas cósmicas da ruindade, da mesquindade e da idiotez, campan ao teu redor como voitres á espera da túa morte por inanición. Algo que endexamais acontecerá (diso estamos seguros), porque a túa figura permanecerá incólume durante anos como areas na rutilante praia dos namorados, alentando eternamente aos homes de ben comprometidos co país, mentres aqueloutros (figurantes de pés de lama), que hoxe pretenden a túa caída, esmorecerán ao menor embate das ondas xusticeiras dese mar proceloso que segue teimosamente a nos rodear.

Ben sabes que nós, os de Terradentro, os de A Nosa Terra, os do país de Arnoia (unha vez traspasadas as Portas de Ulfe) nada sabemos (ou moi pouco) de literatura, de filoloxía, de sintaxe, de autores varios de dentro e de fóra; de todas esas cousas relacionadas coa lingua, a fala e a escrita, que son a materia prima coa que tes abraiado durante tantos anos a propios e estraños. - menos sabemos das cousas que acontecen no país de fóra: neses ILGA, Consellos da Cultura, fundacións de todo tipo, consellerías, mesmo na Real Academia que de momento presides. Porque xa sabes que nós, os do país dos arcos que algúns chaman mozárabes, os da fragua onde se forxou a espada Milmanda, os da Pena de Anamán e as extensas chairas elevadas, vivimos os máis nun recatado e denso silencio de séculos, e tan só subimos de cando en vez ao Castromao ou á Penagache para examinar as lindeiras e os nubeiros de po dalgunha cabalería andante.

precisamente por iso queremos agora, dende o noso rumoroso e recendente val das campás fondas e as raposas loiras, rachar este noso silencio para erguer un berro de indignación pola noxenta situación que estás a padecer. Non hai dereito, inda que, obviamente, todo ten a súa explicación: non te coñecen como te coñecemos nós; non saben como es; non saben como resoa a túa verba poderosa polas rúas do país CO SON HONRADO DAS ANTIGAS FALAS; non saben da túa humildade e sinxeleza cando compartes con nós mesa e mantelo; non saben nin teñen idea da túa xenerosidade e dese espírito aberto, sempre decidido e animoso, cando se trata de defender as nosas fronteiras; descoñecen por enteiro as terras que tantas veces temos cruzado impelidos polo vento que empreña as eguas, polas terras de Acevedo, as Catro Cruces, o Outeiro de Augas e o Leboreiro; polos camiños que levan á Cortiña Grande, a Cachiquimbra e á Casa da Neve; e tampouco coñecen os vieiros da saudade que van deica o castelo de San Rosendo, Lobosandaus, o Couto Mixto e a Grama do Corno Dourado. De todos os xeitos, con xente ruín, nada se perde. Non che parece?

inda así esperamos que impere a cordura e que os teus compañeiros de hogano se decaten de que non poden prescindir dunha das mentes máis lúcidas e formadas do país, do mellor escritor galego vivo, porque é un luxo que te teñan aí, tan lonxe de nós, a fronte desa institución. Se necesitas Milmanda chama, a temos ben gardada e afiada, e dille á túa señora, que foi quen de descubrila baixo as trabes do Alcácer de Santa María cando todos pensabamos que estaba no piago de Ademourán, que segue alustrando coma sempre.

De corazón.

* Escritor e exdirector xeral de Conservación da Natureza

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


Enlaces recomendados: Premios Cine