A Xunta de Galicia considera que hai "razóns máis que sobradas" para recorrer os orzamentos do Estado ante o Tribunal Constitucional para que se recoñezan a Galicia 805 millóns de euros acordados no financiamento autonómico.

Así o explicou a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, quen, xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xustificou a decisión tomada polo Executivo de instar a celebración dunha comisión bilateral Xunta-Estado para negociar este asunto.

Tanto o presidente da Xunta como a conselleira expresaron a súa vontade de negociar previamente a recorrer ao Alto Tribunal, aínda que a conselleira insistiu en que "hai razóns máis que sobradas para un recurso ao Constitucional e o Goberno sábeo".

A Xunta considera que corresponden a Galicia 228,81 millóns de euros en concepto de "status quo", o mínimo que corresponde á Comunidade Autónoma; outros 171,61 dos axustes do IVE; 242,65, de anticipo do Fondo de Cooperación 2010, e outros 162,36 do anticipo de recursos adicionais de 2010.