O líder do PSdeG, Pachi Vázquez, remitiu hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, unha listaxe das competencias de emprego, para demostrarlle que o Goberno galego conta con instrumentos para facer fronte ao desemprego. O xefe do Executivo galego sinalou esta mañá, durante a sesión de control do Parlamento, que a Xunta apenas ten competencias en materia de emprego, e vinculou o incremento do desemprego en Galicia ás políticas do Goberno central. Ante esta apreciación, o líder dos socialistas remitiulle unha carta e a listaxe de competencias transferidas a Galicia.

No escrito, facilitado polo PSdeG, Pachi Vázquez mostra a Feijóo o "asombro" que lle causou a intervención do presidente "no referente ás escasas competencias que a Xunta de Galicia ten en materia de emprego, segundo a túa apreciación". Por iso, remítelle unha listaxe con todas as transferencias de Galicia na materia. Igualmente, envíalle unha copia do Real decreto sobre o traspaso á Comunidade Autónoma na xestión feita polo Instituto Nacional de Emprego nos ámbitos de traballo, emprego e formación. "Esperando que estas achegas che axuden a traballar polos desempregados e desempregadas de Galicia. Atentamente", conclúe a carta de Vázquez a Feijóo.