O penúltimo pleno do ano dará luz verde a tres leis

Feijóo deberá responder sobre a evolución do desemprego e Rueda comparecerá sobre a área metropolitana de Vigo

EUROPA PRESS

O penúltimo pleno ordinario deste período de sesións dará luz verde a tres textos lexislativos impulsados polo Goberno galego, os referidos á lei de prevención de consumo de bebidas alcohólicas, a normativa sobre organización e funcionamento da Administración da Xunta e a lei sobre Comercio Interior.

Con todo, non será o único texto lexislativo que se debaterá na sesión do martes na Cámara autonómica, posto que os nacionalistas tamén levarán unha proposición de lei sobre o uso do galego por parte das administracións galegas e no ámbito do ensino para a súa toma en consideración.

Concretamente, o texto da proposición correspóndese co que recollía a iniciativa lexislativa popular impulsada pola plataforma 'Queremos Galego', pero que non chegou a ser cualificada pola Mesa do Parlamento, baseándose nun informe xurídico dos servizos da Cámara, que aludía a unha "imposibilidade de tramitación" por afectar a unha lei de desenvolvemento básico do Estatuto de Autonomía, pero a plataforma acusa ao PPdeG de "impedir" que seguise o seu curso.

Con todo, a plataforma actuou coma se a iniciativa seguise o seu curso como iniciativa lexislativa popular e, de feito, rexistrou 30.000 sinaturas que servirán de aval a esta proposición de lei que ten como obxectivo defender os dereitos lingüísticos dos galegofalantes.

Por outro lado, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deberá responder na sesión de control do mércores a senllas preguntas relativas ao desemprego na Comunidade galega e ás medidas que está a adoptar o seu Executivo para combatelo, que lle formularán, respectivamente, o líder do PSdeG e presidente do seu grupo, Manuel 'Pachi' Vázquez, e o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich.

COMPARECENCIA DE RODA

A sesión, que se celebra tras dúas semanas de parón plenario pola Ponte da Constitución, tamén acollerá a comparecencia do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, que abordará as actuacións da Xunta para a creación da área metropolitana de Vigo.

O PSdeG defenderá unha moción para que o Goberno "cumpra" o Pacto Local e outra para instar á Xunta a asumir un seguro colectivo de accidentes do mar que "foi anulado", ao tempo que esixirá que se subvencione un seguro de mal tempo, así como o seguro obrigatorio de responsabilidade civil das embarcacións para a pesca.

Del mesmo modo, os socialistas pedirán que os complexos de Castro de Samoedo (Sada) e Sargadelos (Cervo), sexan declarados como Ben de Interese Cultural (BIC). Igualmente, preguntarán sobre o Plan de Infraestruturas da Xunta en Ferrol, a ampliación da estrada Piñeiro-Bora e sobre a situación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Pola súa banda, o Grupo Popular defenderá, entre outras iniciativas, dúas proposicións non de lei encamiñadas a converter o furtivismo reincidente "nun delito penal" e a lograr a integración urbana do ferrocarril na cidade de Ourense, respectivamente.

O BNG leva unha iniciativa non lexislativa sobre o programa de recursos humanos do plan galego de investigación e interpelará o Goberno sobre o novo modelo sobre identificación e rexistro do gando bovino.

Tracking Pixel Contents