A Real Academia Galega (RAG) ven de celebrar na súa sede de A Coruña unha asamblea plenaria na que os académicos expuxeron as súas opinións e analizaron polo miúdo as bases do borrador do novo decreto do galego no ensino. Desa e doutra reunión que se vai celebrar nos vindeiros días sairá un documento consensuado que recollerá a postura da entidade sobre a polémica normativa e que será enviado á Xunta "o máis axiña posible". O secretario e presidente en funcións da RAG, Manuel González, adianta que ese documento vai ser "moi crítico" porque o rexeitamento ás bases da normativa é "unánime" e asegura que un dos aspectos que máis preocupa aos académicos é a desprotección do galego en etapas educativas coma a infantil.

–En liñas xerais, como valora a Real Academia Galega no seu informe o borrador do novo decreto do idioma no ensino?

–Ata que a asamblea plenaria da Real Academia Galega dea o visto bo ao documento final preferimos non facer públicos os detalles do seu contido. O único que podo adiantar é que os académicos foron moi críticos co novo decreto que regula o uso do idioma no ensino galego, que o rexeitamento é unánime e que a maioría deles están en desacordo total coa normativa.

–En que aspectos da futura norma se centrará o documento que está a elaborar a RAG?

–O informe que a Real Academia Galega ten previsto facer chegar á Xunta vai ser un documento crítico, diso non teño a menor dúbida, pero tamén razoado e sen ningún tipo de demagoxias. Terá, polo tanto, un ton institucional e recollerá aspectos que van dende a legalidade da norma ata os seus efectos sobre a sociedade galega. Tamén analizará, dende o punto de vista xurídico, social e pedagóxico, as modificacións e as críticas que se plantexarán ao decreto.

–Como recibiron os académicos o novo decreto? Colleunos por sorpresa ou agardaban que fora nesa liña?

–Os membros da RAG, coma a sociedade galega en xeral, estabamos moi expectantes ante a presentación do borrador do novo decreto do idioma no ensino, que xa se tiña demorado varios meses. E durante ese periodo de incertidume, é certo que nos chegaron comentarios de por onde poderían ir as bases da normativa que estaba a preparar a Xunta. Pero a Real Academia Galega é unha institución seria, que nunca presupón nada e que sempre traballa con datos reais. Por iso agardamos ata agora, cando xa se coñece o borrador do novo decreto, para facer chegar a nosa opinión aos membros do Goberno galego e, por suposto, aos cidadáns.

–"Queremos galego" cre que o novo decreto supón un "retroceso" á Lei de Normalización Lingüística.

–Con respecto á Lei de Normalización Lingüística hai algún aspecto dubidativo, pero tamén prefiro agardar a que a asamblea plenaria da Real Academia aprobe o informe que vai trasladar á Xunta antes de pronunciarme sobre este aspecto.

–E vostede que pensa?

–Eu, coma todos, teño unha opinión persoal, e estou seguro de que vai coincidir totalmente coa dos restantes membros do plenario da RAG. Polo momento, prefiro non entrar en detalles sobre os aspectos que máis críticas teñen xerado na Real Academia nin sobre as propostas de cambio que imos comunicar á Xunta. O único que podo dicir é que o rexeitamento ao novo decreto é xeneralizado porque supón unha perda de protección para o galego.

–Un dos puntos do novo decreto que ten suscitado máis críticas é o que se refire ao uso do idioma na educación infantil. O informe que prepara a Real Academia Galega terao en conta?

–Si, este é un dos aspectos do novo decreto que máis nos preocupa. O contacto coa lingua a idades temperás é fundamental para a súa aprendizaxe, e coa nova normativa, que deixa escoller aos pais o idioma vehicular en infantil, o galego queda desprotexido, xa que a maioría vai elixir o castelán.

–"Queremos galego" convocou para o 21 unha folga no ensino e unha manifestación en Santiago en contra da futura normativa do idioma. Apoiará a Real Academia Galega esa convocatoria?

–A Real Academia Galega ten unha actitude institucional, de lealtade a Galicia a aos poderes constituidos na comunidade e, polo tanto, nunca convoca folgas nin manifestacións, e tampouco as secunda nin as rexeita. Os académicos, a título persoal, poden facer o que queiran, pero a entidade sempre se mantén á marxe destes temas.