23 de noviembre de 2008
23.11.2008

Anxo Quintana, Voceiro nacional do BNG e vicepresidente da Xunta: "Non hai un día do ano no que non pense en cando deixarei isto da política"

"Estou convencido de que os cargos son temporais e así o deben de ser ademáis"

23.11.2008 | 01:00
O voceiro nacional do Bloque e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.

Anxo Quintana acaba de cumplir cinco anos ó frente do BNG. Relevou a Beiras e con el o partido chegou ó poder, onde ten presenza na Xunta e en numerosos concellos tras chegar a pactos de goberno có PSdeG-PSOE.
-Xa van cinco anos de liderar ao BNG?
-Cando mo dixeron, pareceume moito tempo. Dame a impresión de ser bastante menos, pasaron rápidos, foron moi intensos. Xa é un periodo razoable para sacar conclusións.
-E cal serían?
-Tiñamos como reto unha nova etapa no BNG despois dun liderado exitoso, moi importante dentro do nacionalismo e da política do país, como o que levou Xosé Manuel Beiras. Había que preparar ao BNG para as labores de goberno que parecían inminentes. E iso significaba sumar á cultura política de participación, a da eficacia. Temos andado un camiño moi importantes nestes cinco anos e creo que o resultado é satisfactorio.
-Quen mudou máis nestes cinco anos, o partido ou o seu líder?
-O que mudou foi o acumulo de experiencia: temos bastante máis que hai cinco anos. O país ten novos retos, e o nacionalismo, como sempre ao longo da historia, adaptouse aos tempos para prestarlle os mellores servicios ao país. Os retos de hai cinco anos non son os mesmos, e fomos capaces de adaptarnos para darlle respostas acaídas.
-O partido é moito máis moderado. Chegar ao goberno fíxoo menos radical. Agora xa non vai de manifestacións?
-Eu non o mediría en termos de moderación e radicalismo, o mediría en termos de madurez. O BNG é unha forza política criada a si mesma, que se fixo un sitio neste país con moito esforzo e moito traballo, e unicamente coa axuda dos que nos votaron democraticamente. Non tivemos nunca axuda dun elemento exterior que nos axudase a chegar ata eiquí. E iso ten moito mérito. E o BNG soubo demostrar que aquelo que predicaba na oposición é capaz de facelo no goberno. Pero o BNG segue sendo unha forza política non convencional. Neste momento, como mellor podemos prestar servicio aos galegos, é non sendo unha forza convencional. A política convencional fracasou.
-Todos coinciden en que o partido está agora máis unido que hai cinco anos, pero igual é algo menos democrático.
-Se por algo se caracteriza o BNG é porque a opinión e participación da xente forma parte do seu código xenético, e iso non cambiará nunca. Cando cambie, xa non será o BNG. O que si é certo é que está hoxe máis cohesionado que hai cinco anos. Como sucede en todas as forzas políticas, os procesos de transición sempre son complicados e quizáis nós cometemos o erro de facer coincidir unha transición de liderado cun debate a tumba aberta sobre o que tiña que ser ou non tiña que ser o nacionalismo. E iso levounos a dar unha imaxe de certa división durante algún tempo. Por sorte, todo iso está superado.
-Cando foi realmente consciente de que sucedería a Beiras?
-Aínda que pode parecer o contrario, non foi unha obsesión persoal este posto. A miña obsesión era facer todo o posible porque a transición se fixese ordenadamente e non houbese máis convulsións das necesarias. Coloqueime no centro daquel debate e iso levou a que liderase o proxecto e unha nova etapa. Pero foi máis consecuencia dun traballo colectivo que dunha intención persoal. Eu sempre entendin o meu liderado no BNG como fruto dun traballo colectivo e non unicamente como unha decisión persoal, que tamén a hai e me responsabilizo dela.
-A quen debe máis o posto, a Beiras ou a UPG?
-Rexeito ese tipo de plantexamentos, eu débolle o posto aos compañeiros do BNG que democráticamente decidiron no seu día que eu fose o seu voceiro nacional. E calquera outra cousa non só me parece un certo menosperezo a min, senón un menosprezo cara ao BNG, que é unha forza que non admite tutelas nin nomeamentos urbi et orbe. Aínda así agradezo moito o apoio recibido por Beiras e tamén polos compañeiros da UPG.
-Como se ve dentro de 25 anos, asistiría a unha festa de maiores organizada por a Xunta do PP?
-Pois si, porque non. Pero non me vexo, se teño que serche sinceiro.
-Fóra da política se ve?
-Si, si, eso si, todos os días. Podo asegurarche que non hai un día no ano en que non pense en cando deixarei todo isto. Iso si que o vexo, con certa ansiedade incluso, e con ilusión.
-Pero por cansanzo?
-Non, por un exercicio de hixiene mental. Estou convencido de que os cargos son temporais, e así o deben de ser ademáis. A miña profesión non é a política, son diplomado en Enfermería, e esta é unha ocupación en función dunha designación democrática dos cidadáns, e algún día rematará. Para ben de todos, para ben meu e para ben da sociedade.
-Se autoimpón unha data?
-Teño demostrado que non me perpetuo eternamente nos cargos. Estiven 10 anos de alcalde en Allariz e deixeino por propia vontade, non había ningúen que me reclamase que me fose.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


Enlaces recomendados: Premios Cine