A unión fai a forza. O refrán popular pódese aplicar ao sector forestal galego, que vén de poñerlle cifras ao que xa todos sabían: o minifundio do monte galego merma a produtividade e impide que se desenvolva a potencialidade do sector. Un estudo da Asociación Monte Industria revela que os particulares que dedican as súas pequenas fincas á madeira gañarían case o triple se a superfici fose maior.

Nunha corta pequena de madeira, de entre 22 e 75 toneladas de eucalipto, o propietario gaña só 22 euros de cada 100 que se gastan até que o tronco chega ao aserradero ou á fábrica. En cambio, vendendo dunha vez entre 3.000 e 10.200 toneladas, o dono do terreo cobraría 60 euros pola madeira. A explicación deste desfase está nos altos custos de cortar a madeira nas pequenas fincas, onde en ocasións sae máis caro transportar a maquinaria cá man de obra.

Ademais, en moitos casos a orografía do terreo complica a corta e encarece aínda máis o uso de maquinaria que permite ter os troncos cortados e listos para o transporte. O minifundio tamén multiplica (mesmo por 33) os costes asociados á venda, como as visitas dos intermediarios que teñen que ver cada finca para decidir se compran a madeira.

De feito, un dos problemas para calcular os beneficios do monte galego é a imposibilidade de estimar os costes da madeira "en pé" porque cada parcela é distinta. Por iso os estudos do prezo da madeira teñen como referencia a madeira "en cargadorio", cortada e lista para transportar.

Segundo o estudo, a metade dos gastos do custo de cortar e vender a madeira lévanos os labores de venda, apeo e desembosque (50,3 euros de cada 100) no caso de fincas pequenas. Sen embargo, cando se trata de moitas toneladas, estes gastos redúcense á metade. É por iso que tanto os empresarios coma a Administración insisten na necesidade de que se creen figuras que coordinen aos diferentes propietarios dunha zona para que vendan xuntos a madeira, e deste xeito tirarlle máis beneficio.