A pesar de chegar tarde, xa é hora de reparar as inxustizas", declaraba onte na illa de San Simón a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo. O antigo lazareto convertiuse nun lugar de lembranza e de reencontro. Máis de 600 persoas entre familiares de vítimas ou represaliados da dictadura franquista participaron na homenaxe que se encadra dentro do Ano da Memoria declarado pola Xunta de Galicia.

"Isto non será flor dun ano", aseguraba a conselleira de Cultura, quen se amosou comprometida coa labor de investigación que se está a facer dende as tres universidades galegas."O traballo continuará despois de 2006 para aclarar todos os crimes sucedidos entre os anos 1936 e 1977", dicía Bugallo.

O acto comezou coas verbas do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, quen subliñou que "a illa de San Simón se convirte dende hoxe nun espacio central de dignidade e xustiza". E asegurou que "non queremos unha memoria selectiva como acontecía ata agora".

"A memoria non só é historia, tamén é xustiza pola que hai que loitar", declaraba Martín Cortón, membro do Consello da Memoria que se presentou onte con motivo da homenaxe. Este órgano, integrado por cinco recoñecidos investigadores e cinco persoas que viviron directamente a dictadura franquista, terá a función de continuar co traballo de recuperar a memoria e de actuar como órgano asesor da consellería.

O momento máis entrañable do acto produciuse cando os membros deste novo órgano -que viviron dalgunha forma a represión- se subiron ó atril a contar a súa experiencia. "Só tiña trece anos cando me marcaron para sempre cun ferro quente. Sen odio, sen rencor, pero coa lembranza viva", dicía a exiliada Mariví Villaverde. Xunto a ela, Isaac Díaz Pardo, Severino Domínguez e Carmen Nogueira lembraron cadansúa historia na represión franquista.

Como testemuño desta homenaxe descubriuse unha praca conmemorativa adicada ós que sufriron a represión en Galicia. "Temos que facer visibles e escoitar todos os nomes, todas as inxustizas, todos os crimes xamáis castigados e todos os mártires que non foron homenaxeados", declaraba Ánxela Bugallo.

O evento rematou ó son do himno galego que os asistentes entoaban mentres posaban xunto a praca conmemorativa centos de caraveis vermellos.