No seu novo despacho da Consellería de Innvoación e Industria dous obxectos captan a atención: a enorme maqueta dun barco cableiro de Telefónica -empresa da que Fernando Blanco foi supervisor- e a aparente ausencia da bandeira española, agachada entre unha columna e unha enorme pranta. Aos 46 anos chega á Xunta para facerse cargo da política industrial, do turismo e da innovación. Pese a militar na UPG, partido que se define como comunista, o seu discurso nada ten que ver co marxismo, senón coa necesidade de darlle máis protagonismo á empresa privada.

-Neste primeiro mes ten dito que unha das prioridades é buscar solo industrial para evitar que se marchen empresas, e fixo especial mención a Vigo. Poranse en marcha medidas a curto prazo?

-A moi curto prazo. Xa o teño falado coa conselleira de Vivenda. É paradóxico que teñamos parques industriais baleiros e despois, en zonas onde hai demanda, como Vigo, non exista solo industrial. Temos que pornos a traballar canto antes, para evitar que marchen empresas. Dende a consellería e o concello veremos que se pode facer para que Vigo consiga os recursos que lle permitan seguir medrando.

-A mellora do suministro eléctrico é unha das materias pendentes da política enerxética galega.

-É moi difícil explicarlle aos galegos que, sendo un país que cada vez produce máis electricidade, ten a peor infraestructura eléctrica do Estado. Hai que mellorar o servicio, en especial nas zonas rurais, onde os cortes de luz afectan ás explotacións agrarias. Haberá controis exhaustivos e tamén convenios para a mellora da rede.

-O BNG defendía na oposición que Galicia recibise algún tipo de compensación polo feito de ser unha das principais produtoras de electricidade de España. ¿Promoverán esa negociación agora que están na Xunta?

-Ten que ir nunha negociación máis ampla, a do Estatuto de Galicia. Cando falamos de financiación, hai moitas empresas que explotan recursos aquí e cotizan noutro lado. Imos ver, ímonos situar, non poden chegar aquí, explotar e cotizar noutro lado. Se falamos de balances fiscais, se falamos de déficit ou de superávit, ou metemos todo no bombo ou o que sale non é certeiro. Ímolo mirar e traballar neso.

-¿Cal é o calendario para a retirada de Ence da ría de Pontevedra?

-Imos ver, temos que mirar no Consello da Xunta. Hai un acordo que é bo. Como conselleiro de Industria o que me preocupa é que o sector forestal sexa capaz de medrar. O noso traballo ten que ser conseguir pechar os ciclos produtivos no sector da madeira e tamén darlle un valor engadido. Teremos que comezar a traballar axiña para buscar unha solución a Ence, ao marisqueo e á ría de Pontevedra. En canto ao novo destino, imos deixar que a mesa decida os criterios.

-O turismo foi un dos sectores que máis medrou nos últimos anos, en boa medida gracias ao tirón do Xacobeo. ¿Seguirá unha política continuista para evitar riscos?

-Había unha visión excesivamente compostelá a hai outras cidades que deben ocupar un espacio. En canto ao Xacobeo e Turgalicia, seguramente haberá que facer modificacións. Temos que diversificar a oferta, preparar itinerarios... Temos que traballar coordinadamente, non sirve que cada concello faga a sua política illadamente. Esto non quere dicir que queiramos controlar todo, pero a estratexia debe ser global.

-¿Cómo pensan conseguir que Galicia deixe as últimas posicións en I+D+I?

-Hai que cambiar moitas cousas, a relación entre a empresa e a universidade ten que ser máis activa. Hai que investigar en función do que as nosas empresas demandan. Toda a investigación é boa, pero é preciso dirixila cara os nosos sectores produtivos. No caso de promover o I+D+I, o primeiro esforzo terá que ser público, pero detrás terán que vir tamén as empresas.