Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O código QR aséntase nas lápidas galegas

Homenaxe en Salvaterra ao gaiteiro Luis Soutullo Iglesias cunha chave da memoria para descargar en galego a súa biografía

Lápida de Luis Soutullo, Gaiteiro de Lira, do código QR.

Lápida de Luis Soutullo, Gaiteiro de Lira, do código QR. / Galeguizar

Mar Mato

Mar Mato

vigo

Cada vez son máis as lápidas dos camposantos do país que aparecen en galego, inda que o proceso marcha lento. De xeito tamén paulatino iniciativas como a de Galeguizar inclúen códigos QR con información de persoeiros. O domingo á tarde aconteceu no cemiterio de Lira en Salvaterra do Miño (Pontevedra). Alí colocaron no nicho do gaiteiro Luís Soutullo Iglesias "unha pequena chaves de memoria".

Esta consiste nun código QR que ao escanealo mostra a biografía do Gaiteiro de Lira, que finou no ano 1997. Escribiuna Xerardo F. Santomé e editárona os Gaiteiros de Xistra. A iniciativa parste de Galeguizar co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Salvaterra. A lápida, ademais, está en galego xa que o fin do colectivo é fomentar o emprego desta lingua nos cemiterios galegos.

Acto simbólico onte no descubrimento do código QR na lápida do Gaiteiro de Lira en Salvaterra.

Acto simbólico onte no descubrimento do código QR na lápida do Gaiteiro de Lira en Salvaterra. / Galeguizar

A iniciativa de colocar QR nos cemiterios fora anunciada anos atrás para cemiterios de Lugo e Ourense cidade co gallo de ofrecer información dos camposantos e dos seus monumentos. A diferenza que presenta Salvaterra é que o código foi situado nunha lápida e nun cartel tamén do camposanto.

O ano pasado, celebrarann outro acto no devandito cemiterio ao descubrir a lápida en galego de Sotullo (nacido en novembro de 1907) dentro do proceso de normalización lingüística.

A iniciativa de pór QR con información galego dos persoeiros finados é unha proposta da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia. «É unha novidade que agardamos vaia callando e a partir de agora sexa moitas as familias que queiran perpetuar a memoria dos defuntos máis aló da lacónica literatura que figura nas lápidas» tradicionais, sinalan na súa web.

Tracking Pixel Contents