Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Homenaxe a Reboiras a través da ollada de 14 artistas galegas

O espazo cultural Río Lagares acolle a mostra artística «A semente de vencer» con motivo da conmemoración do 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras

Inauguración da mostra artística no espazo cultural Río Lagares.

Inauguración da mostra artística no espazo cultural Río Lagares. / PABLO H. GAMARRA

C. Sertal

Vigo

A mostra de arte «A semente de vencer», que rende homenaxe á figura de Moncho Reboiras, chegou onte a Vigo co obxectivo de poñer en valor o seu legado a través de pezas de 14 artistas galegas que se inspiraron na súa persoa.

Coincidindo coa conmemoración do 50 aniversario do seu asasinato na ditadura franquista este mesmo ano, logo de ter pasado por Santiago de Compostela e A Coruña, o espazo cultural Río Lagares albergará até o vindeiro 12 de decembro esta exposición comisariada por Vanesa Iglesias Casal e que está integrada por diversas pezas artísticas que combinan dende poesía a cerámica, ilustración ou téxtil, entre outras técnicas, sobre diferentes soportes.

Algunhas das pezas expostas na mostra.

Algunhas das pezas expostas na mostra. / Pablo H. Gamarra

En concreto, a mostra de arte «A semente de vencer» está composta por obras da autoría de Leandro Lamas, Laura Caneira, Ortigha, Cavalinho do Demo (Paula Pereira), Alejandro Mosquera, Ana de Vilatuxe, Pampillo Store (Theresa Lousame), Iago Fernández Díaz, Juanlu Nacha, Celia Arcos, The Pink Phink, Xiralúa, Revolta Creativa (Breo Alamancos) e Estudo Aldea.

Na inauguración que tivo lugar onte en Río Lagares, interviron Suso Seixo, Xesús Sanxoás, Xesús Chaves e a comisaria da exposición, Vanesa Iglesias Casal, quen no catálogo de presentación expuxo que a mostra «trata de recoller mediante quince obras e diferentes achegas de catorce artistas galegas a manifestación no ideario colectivo da figura de Moncho Reboiras». «Que sirva esta humilde mostra para que o seu legado se coñeza, perdure e sexa faro que nos guíe cara a unha Galiza soberana e con dereitos plenos para a maioría traballadora», destacaba tamén Casal.

Tracking Pixel Contents