Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Pedro Feijoo Escritor

«Comparámonos coa idea de realidade dos influencers e acabamos desmerecendo o que temos que contar»

O escritor reivindica no Foro Faro Educa a importancia de atopar unha voz propia: «Contar o que nos preocupa, cando existe un espazo seguro e de confianza, é absolutamente liberador»

Pedro Feijóo

Pedro Feijóo / Marta G. Brea

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A. Chao

A. Chao

Vigo

Nun contexto de constante exposición a relatos de éxito, luxo e vidas aparentemente perfectas a través da pantalla que condicionan a maneira na que miramos a nosa realidade, Pedro Feijoo reivindica a necesidade de recuperar a voz propia e asumir que todos temos algo valioso que contar, aínda que ás veces falten a confianza ou a canle para facelo. Desa idea partirá o seu obradoiro na décima edición do Foro Faro Educa, unha proposta afastada das leccións de creación literaria e centrada en conversar sobre como axudarnos a atopar a maneira de expresarse.

Fixeron falta 10 edicións do Foro Faro Educa para contar con Pedro Feijoo

Faro xoga con vantaxa porque para min é casa. Entón sempre que sona o teléfono dende aí sei que vai vir algo bo. Nesta ocasión, como sempre que me convidan a participar nalgo así, acéndese a síndrome do impostor dincindo ‘seguro que eu?’ Pero podo levalo o meu terreo cun taller no que poñer en valor a certeza de que todos temos algo que contar, o único que falta ás veces e atopar a maneira de contalo. E iso é o que máis ilusión me fai da proposta do Foro, ter ocasión de compartir isto.

Moita xente non é consciente de que, efectivamente, ten algo que contar

Certo. Eu mesmo recordo que sempre me tiven pola persoa menos imaxinativa do mundo. Si que me gustaba escribir e os meus amigos dicíanme «tes que facer algo, un conto, un relato, unha novela…» E a miña resposta sempre era: «Como me vou adicar a isto se non se me ocorren cousas?» Pero resulta que si tiña algo que contar. Logo fun eu quen me atopei con persoas que che propoñen historias marabillosas para que ti lle deses forma porque pensan que non saben facelo, cando en realidade xa o están construíndo. A cuestión é que non somos conscientes ou non o valoramos.

Mestúrase entón que pensamos que non interesa o que temos que contra, que non atopamos como expresalo e o medo a expoñernos. En que proporción?

Creo que tamén é un reflexo de como estamos vivindo. Estamos tan expostos ás mensaxes, a maioría das veces falsas, dos que nos veñen definidos de antemán como influenciadores do noso día a día, que pensamos: «claro, a influencer é ela, non eu». Entón, quen ten algo que contar é esa persoa, a que aparece na pantalla, que leva esa vida que eu non levo. Así que convertémonos nos primeiros que nos desmerecemos, que non nos valoramos porque na comparación con esa idea de realidade, se non lle pillas o truco ao mago, saímos perdendo sempre. Logo, moitas veces, e nisto si que teño moitísima experiencia, cando lle damos a confianza ás persoas e sen van abrindo, chega ese medo do que falas: doume conta de que teño algo que contar, pero cando contas algo a través dos teus ollos, con toda esa presión, expoñémonos e dá certa angustia. A estes muros sumámoslle as preguntas sobre como contalo. Porque hai quen se expresa a través dunha canción, dunha canle de YouTube, dunha conta de Instagram, ou non e resulta que se defende escribindo ou pintando.

Por iso insiste en que este obradoiro non é de creación literaria, hai outras moitas canles

Exacto. No caso da literatura, eu non podo dar cursos ou talleres porque só podo contar como o fago eu. E aínda que, home, sáeme relativamente ben, tamén me equivoco. Se tivese o libro onde veñen as leccións para facelo ben, nunca me equivocaría. Entón non me sinto coa autoridade moral para dicirlle a ninguén como ten que facer as cousas. Eu mesmo, antes de comunicarme e expresarme a través da escrita, adicábame á música e vivín moitos anos dela, contando historias sinxelas a través de cancións sinxelas que a xente entendía rapidamente e facía súas. A outros pode interesarlle expresarse a través doutra disciplina. Nestes diálogos coas persoas -que é o que realmente fago, dialogar- téñome atopado con xente con talentos incríbles en moitos campos. As veces o que precisan é que os escoiten e transmitirlles confianza.

É importante aprender a derrubar todos estes muros e medos e dar confianza dende as aulas?

Non pretendo, nada máis lonxe da realidade, vir dicirlle aos docentes como se lle poñen os rabos ás cereixas. Si que percibo que dun tempo a esta parte estamos nun momento de pontes rotas. Intentámolo, pero estamos nunha época na que a comunicación é imposible. E esa percepción tamén a recibo por parte da rapazada. Algo co que me atopo moito é que non nos entenden, non nos escoitan, non nos toman en serio, non nos valoran. Lembro unha rapaza da ESO en Lugo que me dicía «para que quero aprender Galego ou o temario de Matemáticas, teñen que explicarnos como pedir un préstamo ou negociar unha hipoteca». De verdade en 2º da ESO lles está preocupando iso? Que angustia están herdando estes rapaces?

«Máis nos vale axudar á mocidade a confiar en si mesma e a sentirse forte e capaz»

Aprender a contar tamén é aprender a ordear eses pensamentos e preocupacións?

Oxalá puidese ensinar eu iso! Se hai algo útil que puidese facer na vida sería iso, pero non podo garantilo. O que si sei seguro é que este proceso sempre resulta liberador. Nun dos proxectos con institutos que levo feito atopeime con todo tipo de testemuñas, xente que ao mellor só necesitaba escribir unha carta onde falar sinceramente, contar cousas que lle preocupaban, mesmo ideas suicidas. Un dos casos que máis me impactaron foi unha rapaza que quixo deixarme unha carta ás agochadas contando que sufrira unha agresión sexual na súa casa. Se lles das espazo para sentirse seguros e que confíen, convértese nun proceso absolutamente liberador.

Por todo isto di que a voz dos mozos e as mozas e tan valiosa como a dos creadores xa recoñecidos?

En realidade non hai tanta distancia con eses nomes que teñen como referentes. Simplemente se mesturou o xusto equilibrio entre un pouco de talento, ter sorte e estar no momento e lugar adecuados. Iso é o que os separa dos que están ao outro lado das páxinas ou das pantallas. E temos que ter en conta que o rapaz co que hoxe estás falando no instituto, en cinco ou seis anos pode ser quen conteste cando chames para dicir que estás sufrindo un infarto. Así que máis nos vale axudarlles a que estean preparados, confíen en si mesmos e se sintan fortes e capaces.

Referentes, creadores, canles para compartir o que creamos… Todo isto está a condicionar os relatos e como os contamos? Penso na crise de atención, por exemplo.

Nótase dunha maneira vertixinosa. Libros que faciamos hai anos e que tiveron éxito, hoxe terían que adaptarse ás novas formas que esixe o mundo do best-seller: os capítulos teñen que ser máis breves, teñen que estar inzados de diálogos, as descricións teñen que ser as xustas… Falaba recentemente sobre ‘O nome da rosa’, sería inviable a día de hoxe, que nese primeiro capítulo o narrador se deteña a describir durante páxinas e páxinas as voltas do pórtico románico da abadía. Coido que non se entendería e dende logo a xente non tería a paciencia, máis nunha época na que se nun segundo non captas a miña atención, fago scroll e vou polo seguinte. Entón, aí fóra, claro que todo iso condiciona. Con todo, o primeiro na rapazada e que busquen e atopen a súa voz, a súa canle, se é TikTok, adiante; se é a escultura, tamén. Talvez sexa algo só para el ou ela, sen necesidade de compartilo.

«O primeiro é que a rapazada atope a súa voz e a súa canle; se é TikTok, adiante, e se é a escultura, tamén»

Porén, neste momento parece difícil crear sen pensar en compartilo?

Si, pero tamén hai unha nova tendencia entre a rapazada de abrirse contas en redes sociais para observar, sen publicar nada, porque están tan desbordados e impresionados desa apariencia de luxo e éxito ao que están expostos que logo miran ao seu arredor e din «para que vou a compartir isto». Acórdome doutro rapaz en Portas, que tiña unhas fotos fantásticas e falando con el conseguín que llas amosase á clase porque non estaba polo labor. Pois tanto, tanto, tanto gustaron que acabaron organizándolle unha exposición. O rapaz estaba tan condicionado pola idea de que isto non lle ía interesar a ninguén que el era o primeiro en bloquearse. E diso se trata, de poñer cousas enriba da mesa, logo xa veremos.

Cando e como se deu conta Pedro Feijóo de que el tiña algo que contar?

Non houbo como un gran punto de inflexión. Xa estaba pasando, pero máis como unha necesidade que como unha virtude. Talvez agora non tedes esa sensación de min, pero eu son un tipo moi, moi tímido. Xa no cole eu morría de ganas por falar, pero custábame moito atopar esa maneira de contar. Logo na EXB, talvez na clase non era capaz de dicir nada, pero subía ao o escenario diante de todo o colexio e alí sentíame ben. Logo chegou a música e aínda que eu considero que nunca souben bailar, víame no escenario e estaba movéndome tranquilamente, saltando dun lado para o outro. Despois chegou o momento no que xa sentía que non podía continuar con esa vida, e comecei a escribir. De feito, «Os fillos do mar», a miña primeira novela, empecei a escribila estando en Lamatumbá. Está escrita en quilómetros de furgoneta, avións, probas de son e ata en bañeiras de hotel porque os compañeiros querían durmir e para non molestalos alí me metía a escribir. Así que foi como unha especie de tránsito natural, de «xa non me sinto cómodo co formato que era a música pero si que sigo tendo algo que compartir». Tiven a sorte de que á xente lle gusto.

Nesa conversa do Foro Faro Educa, que conta aprender?

Eu vou compartir a miña experiencia e sempre me levo máis do que ofrezo, porque cando ti compartes os demais acaban abríndose e compartíndo contigo as súas historias.

Tracking Pixel Contents