Un ano máis, a asociación Emgrobes e o centro comercial aberto De Tendas participan na Festa do Marisco do Grove con dúas propostas ben diferentes: por unha banda, a feira de oportunidades e, por outra, as xornadas gastronómicas.

Do 11 ao 13 de outubro, celebrarase unha nova edición do Grovestock, na que os comercios locais -dándolle prioridade os socios do centro comercial aberto- poden desfacerse do stock sobrante, aproveitando a afluencia de xente que atrae a festa.

No que respecta ao evento gastronómico, a décima edición de A cociña do mar celebrarase o día 11, de 12.00 a 14.00 e de 17.30 a 19.30 horas na carpa institucional.

Emgrobes, en colaboración coa Consellería do Mar, leva a cabo este evento dende o ano 2009 de xeito continuado e colectando éxito tras éxito. Nesta ocasión, os produtos que se queren promocionar son as herbas de litoral, algas, carneiros, rabioso e muxo de batea.

Con estas xornadas, preténdese que a xente coñeza máis de preto este produto, tan familiar nas nosas mesas como descoñecido á vez, amosando o traballo que leva detrás ata chegar ao prato. Así mesmo, destacaranse as súas cualidades culinarias e nutritivas e ensinaráselle aos consumidores como distinguilos con claridade, defendendo un produto de noso e de calidade.

Cociña ao vivo

O programa inclúe dous showcookings. O matinal, que terá lugar de 12.15 a 14.00 horas, correrá a cargo do cociñeiro Paco Caneda, coa colaboración do Obradoiro de Hostalería do Salnés. Dirixido por Puri Ferro, contará coa intervención do doutor Ignacio Balboa.

A segunda cita terá lugar pola tarde, a partir das 18.00 horas; unha demostración en vivo a cargo de Anxo Sanmartín, do Restaurante Beiramar, e Alicia Castro, do Restaurante Mercantil. As maridaxes correrán a cargo de Rocío Lis.

Como complemento ás xornadas, Emgrobes vén de publicar un receitario cunha decena de propostas culinarias elaboradas por Paco Caneda, Anxo Sanmartín, Alicia Castro, Rafael Mourelos, do Hotel Abeiras, e Rocío Garrido, do blog "La cocina de mi abuelo".

Con estas e outras actividades, a asociación de empresarios continúa dinamizando o comercio local e promocionando os produto da nosa terra, tanto derivados do mar como os viños da D.O. Rías Baixas, o turismo e a hostalería local.