O Museo "Ramón María Aller Ulloa" de Lalín é unha entidade de titularidade municipal que foi inaugurada o día 29 de novembro do ano 1989. Forma parte do sistema galego de museos e polo contido temático e das coleccións, podemos dicir que a tipoloxía é de casa-museo con colección de arte; neste caso, os fondos principais están formados polas obras doadas polo pintor lalinense José Otero Abeledo "Laxeiro" e algunhas doazóns de familia e amigos ou comprados. En febreiro do ano 1977 Laxeiro fixo a doazón de 32 debuxos, con técnicas de lapis, sanguina, acuarela, tinta china e carbón sobre papel e 1 óleo sobre tea. A catalogación e valoración fora levada a cabo polo Padroado do Museo de Pontevedra ese mesmo ano e a taxación económica ascendía a seis millóns de pesetas.

Dentro da colección museográfica, con gran valor histórico, o museo conta co legado do científico Aller Ulloa: librería, despacho (na planta baixa) e moitas das súas obras científicas, manuscritas e inéditas, expostas en catro vitrinas na sala superior do museo, fan que este pequeno centro sexa un recuncho entrañable para as veciñas e veciños de Deza e de toda Galicia. Os cadernos inéditos e as súas fotografías foron fonte de inspiración para proxectos expositivos coma o levado a cabo por Álvaro Negro para a XIV Bienal "Pintor Laxeiro", facendo da ciencia unha ferramenta da arte.

Tamén forman parte da colección desta casa-museo un número considerable de obras de importantes artistas galegos, doadas ou compradas nas distintas edicións das Bienais de Arte Internacional "Pintor Laxeiro" e que son a base de exposicións permanentes nas salas do salón teatro e no pazo de Liñares.

Este ano, que está rematando, estivo e está cargado de celebracións en torno á figura do científico Aller Ulloa, xa que se celebrou o 95º aniversario da posta en funcionamento do seu terceiro observatorio en Lalín o día 31 de agosto de 1924. O 80º do seu nomeamento como profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC); 70º de dous nomeamentos, un de vocal da Comisión Nacional de Astronomía, por pertencer a Unión Astronómica Internacional da Comisión 26 e tamén o de Catedrático Extraordinario da Universidade de Santiago e o 75º do traslado dos instrumentos astronómicos ao novo observatorio da Universidade de Santiago, do que era Director desde 1943.

Actividades realizadas ao longo do presente exercicio

Un ano máis, o persoal do Museo Municipal "Ramón María Aller Ulloa" fai repaso das actividades levadas a cabo ao longo do ano. O forte deste centro cultural son as exposicións, das que se levan celebrado sete e quedan pendentes para o remate do ano outras dúas. A primeira mostra foi a exposición do gañador do concurso da Algarabía, recaendo neste caso no lalinense Xavier Brandido que nos presentou dúas series de fotografías: as árbores da Fraga de Catasós e un traballo sobre partes dun instrumento musical, a gaita.

Con motivo do cocido das Artes, no mes de marzo, organizouse unha exposición colectiva para a celebración da X edición de EmporcARTE, con cincuenta artistas de toda Galicia dos cales vinte cinco eran da Comarca de Deza e dous estranxeiros (de Colombia e Arxentina). O tema das obras expostas era o cocido. Neste mesmo mes, e dado que se conmemoraba o 75º aniversario do traslado dos instrumentos do primeiro observatorio do científico Aller Ulloa ao Observatorio da Universidade de Santiago, foron expostas fotografía e paneis explicativos dos aparellos astronómicos e das novas instalacións no Observatorio da Universidade de Santiago de Compostela.

No mes de abril o museo acolleu a exposición titulada "Retratos" do artista Nicolás González Aller. Nos posteriores meses de maio, xuño e xullo, no total das salas do museo, celebrouse a XIV Bienal Internacional de Arte "Pintor Laxeiro", co título "Menos é máis, máis ou menos". Homenaxe a Manuel Moldes", sendo o comisario da mesma Álvaro Negro.

En agosto foi presentada unha mostra coas obras realizadas polas alumnas do curso de pintura impartido polo artista Armindo Salgueiro e realizado na "Asociación de amas de casa Laxeiro". Neste mes de setembro foi inaugurada a mostra de fotografía "Auga. O sangue da vida" de Manuel Valcárcel, proxecto auspiciado por a Obra Social ABANCA. As vindeiras exposicións serán, no mes de outono, a do artista colombiano afincado en Lalín, Carlos Santos e nos meses de novembro e decembro exporá o artista lucense Paco Pestana unha mostra de esculturas, debuxos e poemas.

O Museo é un edificio polivalente, pola súa situación xeográfica (no centro do pobo) fai que sexa lugar adecuado para levar a cabo concertos, presentacións de libros, conferencias, representación de títeres e visitas ao Observatorio. Coma cada ano no mes de marzo tivo lugar o Festival Titerentroido con varias representacións ao longo de catro días.

As presentacións de libros ocuparon varios seráns. Podemos destacar a presentación do libro "Xenio indomable. Roberto Nóvoa Santos", escrito por Xosé Antón Fraga Vázquez (Tino Fraga) e tamén a presentación do audío-libro "A+A" de Ricardo Barreiro. Resaltar os concertos feitos a carón da feira do Cocido no mes de xaneiro; "Música e Máxia" de Benxa Otero. En marzo "Orquestra de corda de Lalín" dirixida por Inara Vesvastika e o do grupo Nós, composto polos músicos Diego Sieiro, Benxamín Otero e Sandra Fondevila.

Son frecuentes os obradoiros levados a cabo durante todo o ano. En abril realizouse un taller para mozas e mozos: "Asociacionismo e xuventude". Tamén é lugar de visita e traballo nos campamentos do verán que organizan tanto o Concello coma outras asociacións culturais.

As visitas guiadas a agrupacións e colexios é un servizo que prestan os traballadores do Museo o que fai que o número de visitantes aumente cada ano. Outro dos servizos que ofrece este centro son actividades de divulgación científica no Observatorio de Lalín para poder contemplar estrelas dobres, planetas, cúmulos estelares... todo elo gracias a un convenio de colaboración no proxecto "O camiño das estrelas. As estrelas do Camiño" financiado pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e levada a cabo desde o Observatorio Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela, co propósito de poñer en valor o significado da Vía Láctea e a súa relación co Xacobeo, explicando en que condicións marca o camiño cara a Compostela.