Na linguaxe oral, e máis ben no ámbito rural, o alcume é, con frecuencia, o substituto normal do nome propio. Segundo a RAG, o alcume é un "nome que se lle dá coloquialmente a unha persoa en lugar do seu propio, tomado dos seus defectos físicos, morais ou doutras circunstancias". Segundo esta definición, a persoa é sempre a destinataria dos sobrenomes, podendo estenderse estes a un conxunto de xentes (familias e pobos enteiros), ou a individuos. Neste último caso, os alcumes poden rematar xunto co individuo alcumado, ou pode pasar aos seus descendentes. Ser alcumado, tanto para ben como para mal, marca a diferenza entre ser un máis ou ser alguén que merece un chisco de atención aínda que nada máis sexa por un sobrenome que, polo menos, fai cavilar o porqué do mesmo. Cando se atopa a resposta a ese porqué, entón é cando se pode comprender mellor a historia e as relacións socio-veciñais construídas arredor da persoa ou familia alcumadas.

Orixe e motivación

1- A endogamia e a individualización: Tal como explica o profesor Fidalgo Santamariña nun dos paneis que tratan o feito dos alcumes en Vilanova dos Infantes (Museo dos Zapateiros), a endogamia que se deu, nalgún momento, entre as familias vilanovesas pode terse en conta coma un dos factores clave para entender a orixe destes sobrenomes. Ante o feito de coincidir con moita frecuencia os nomes e apelidos das xentes, o normal era que se lles asignase algún outro relacionado con calquera circunstancia persoal para poder diferenciarse entre eles: unha característica física, unha prenda que se utilizara con frecuencia, unha palabra que un pronunciara un día e causara gracia...

2- As capas baixas da sociedade: Para Rebollo Torío, a orixe dos sobrenomes atópase nas capas baixas da sociedade ("El apodo y sus características", Anuario de estudios filológicos 16, 343-350). Para este investigador, o fenómeno do alcume atópase máis estendido no campo e nas capas baixas da sociedade ca na cidade e nas capas altas. A noso xuízo, aínda que o alcume soe estar vencellado ao mundo rural, non cabe descartar a posibilidade de que o feito de alcumar tamén sexa (ou fora) un fenómeno habitual no ámbito urbano, posiblemente asociado a individuos de familias nativas da vila-cidade ou a individuos que se fixeran notar por algo e que precisaban ser alcumados para seren distinguidos e identificados.

3- A función social e o ambiente: Pilar Zapico apunta a función social que teñen os alcumes como facilitadores das relacións humanas como outro dos factores que deron (dan) orixe á súa invención. Unha idea similar postúlaa Mª Rosario Soto cando di que os alcumes son froito do ambiente: poden nacer no seo da propia familia, na escola, ou na comunidade, entre veciños, sendo necesario un certo grao de trato e de coñecemento da persoa alcumada ("Estudo dos alcumes de catro localidades galegas", Actas do I Congreso Internacional de Onomástica Galega «Frei Martín Sarmiento», 313-326).

4- A imaxinación: Segundo Ana Belén Escourido, a creación dun alcume adoita ser resultado da imaxinación dunha única persoa. A súa consolidación depende do grao de aceptación na comunidade onde nace e da súa velocidade de difusión ("Sobrenomes na parroquia de Miñotos (Ourol, Lugo)", en Luz Méndez / Gonzalo Navaza (eds.): Actas do I Congreso Internacional de Onomástica Galega «Frei Martín Sarmiento», 149-158).

Tipoloxía e clasificación

Os alcumes non deixan de ser unha caricatura verbal, moitas veces herdada. Aínda así, cómpre concretar os motivos que dan lugar á súa invención. Segundo Soto Arias, a orixe dos alcumes pódese atopar nun topónimo, nun antropónimo, nun oficio ou actividade, no mundo vexetal, no animal, nas calidades, características e atributos, en valores neutros, en valores escatolóxicos e do sexo, en erros da pronuncia, en préstamos, no cristianismo, en castelanismos e, finalmente, en onomatopeas. Unha clasificación similar a esta dánola Escourido Pernas. Os antropónimos, os topónimos, o aspecto físico, a forma de ser e o carácter, a forma de falar, a profesión, os nomes de animais, as habilidades que un ten, os temas escatolóxicos, as anécdotas, e dos que non hai unha orixe coñecida.

En canto á clasificación, os alcumes poden agruparse de tres:

a) Pola súa motivación: intrínsecos (características físicas e psíquicas); extrínsecos (oficios, vestimenta, e orixe); herdados (de antepasados, e por deformación do nome ou apelido); e indefinidos.

b) Pola súa forma: os constituídos por unha soa palabra e os constituídos por máis dunha palabra.

c) Pola cantidade: os que designan unha persoa, unha familia ou un grupo.

Desaparición

O ocaso dos alcumes no ámbito do rural ten dúas causas moi ben definidas: a propia evolución na dinámica das relacións sociais, coa paulatina diminución dos traballos cooperativos e dos festexos e celebracións veciñais, en aras dun individualismo social tinguido pola influencia do mundo urbano; e as novas xeracións, que ou non coñecen ou non usan estes sobrenomes tradicionais.

No ámbito urbano coidamos que este ocaso no uso dos alcumes non ten tanta repercusión, xa que este tipo de denominación nunca estivo asentada coa mesma intensidade ca no ámbito rural. Ademais, estes espazos están definidos por un marcado carácter castelanizante, fronte ao mundo rural no que a maioría da poboación é galego falante. E se a isto lle engadimos que os alcumes son de uso oral, con canta máis razón que as zonas urbanas non notaran este descenso na invención e emprego de alcumes.

Caso a parte sería o uso dos alcumes en vilas cunha poboación en torno aos 15.000 habitantes (caso, por exemplo, da vila de Lalín). Nestes casos, a maior parte delas viron incrementado o seu censo de poboación coa chegada de xente provinte do rural na procura de traballo nos sectores secundario e terciario. E é de supoñer que o cambio non sería tan radical como para abandonar os usos e prácticas definidoras do mundo rural, entre elas o sentirse membros dunha casa en concreto (aínda que esa casa estea na aldea) ou o ser capaces de recoñecer e individualizar a unha persoa por medio dun alcume. Posiblemente sexa necesario un estudo no que se analice o decaemento no uso dos alcumes entre as novas xeracións, tanto nas que son nativas deste tipo de vilas como nas que funden as súas raíces no rural a través da xeración inmediatamente anterior.

Os alcumes no rural

Nas sociedades tradicionais e campesiñas os alcumes e os nomes das casas son mellores definidores ca os nomes e apelidos. No rural galego a xente noméase polo nome da casa. A pregunta "e logo de que casa es?" ou "de quen vés sendo?" é tradicional entre a xente das aldeas.

Xulia Marqués establece unha diferenza entre os nomes das casas e os alcumes. Os primeiros determinan a pertenza dunha vivenda a unha comunidade e fixan a identidade das casas e dos seus moradores. Os alcumes son algo propio da lingua oral e reflicten a inventiva das comunidades tradicionais. Ambas maneiras de denominar á xente son exemplos dunha resistencia á castelanización da onomástica persoal. Pero tanto uns coma outros estanse perdendo polos motivos expostos. En Lalín, nomes de comercios (Vaitelogho, Caghanaescada, o Vaivén,...), de bares (A Marquesina, As Palmeras, A Imperial...), ou ata de camións (Niño Jesús), xa pasaron (ou están pasando) ao esquecemento. Pérdese con eles un patrimonio onomástico que desempeñaba un papel esencial na conformación e afirmación da identidade dun pobo.

No rural aínda se mantén a denominación pretérita das casas, a non ser que se constrúa unha nova ou veña un novo inquilino para unha xa existente. Entón as denominacións xa non son tan imaxinativas e quedan reducidas ao nome, apelidos ou profesión do novo veciño, ou ao espazo xeográfico que este ocupa na aldea.

Cando e por qué se empregaban alcumes nas aldeas? Os alcumes non soen levar consigo unha carga mal intencionada cando unha persoa se dirixe a outra substituíndo o seu nome de pía polo alcume. Onde soe haber problemas e nos malsoantes. Estes empregábanse nas seguintes situacións: cando había unha discusión. Conforme se ían quentando os ánimos, estes derivaban no recurso aos alcumes dos protagonistas da mesma; cando había un preito de por medio. Unha alteración nas horas de rega ou o cambio dun marco podían dar pé a unha demanda. Familias que historicamente se levaban ben, trocaban a súa boa afinidade por rifas na xustiza. Os nomes de pía deixaban paso aos alcumes, se é que xa os tiña a familia rival, ou inventábanselle daquela; en ausencia do alcumado. Cando estaban dous ou máis reunidos e falaban dun terceiro que non estaba presente. Podía ser que o que pronunciaba o alcume dunha persoa que estaba presente, o fixera como parte dunha broma. Fora broma ou non, o alcumado non adoitaba recibir de bo grao que se dirixiran a el cun sobrenome; cando entre dous falaban dun terceiro referíndose a el polo seu alcume, pero no momento no que este se incorporaba ao grupo, xa era chamado polo seu nome de pía.

O porqué da orixe dos alcumes radicaba fundamentalmente nos seguintes motivos:

- Existía xente á que se lle daba por poñer alcumes (e dábaselle ben). "Agora xa non hai diso".

- No caso concreto dos alcumes malsoantes, estes empregábanse pola envexa do que o alcumado podía ter (terras, vacas boas e moitas...), por ser agudo ou por ser vago, por ser guapo ou feo, por ter cartos ou ser pobre...

- Finalmente, algúns alcumes servían para infravalorar e/ou acentuar os defectos das persoas alcumadas, resultando un tanto ofensivos.