Entre a multitude de queixos que elaboran dende a Cooperativa Cobideza, dentro da súa marca Dona Cobiña, -Arzúa Ulloa, tetilla, con leite cru, de barra-, destacan os ecolóxicos. O queixo ecolóxico graxo semicurado é elaborado con leite pasteurizado ecolóxico de vaca. Ten unha cor amarelada e unha textura moi fina, branda e cremosa que se desfai no padal. O seu sabor é moi suave, lixeiramente acedo e con aromas lácteos. O Arzúa ecolóxico ten un mínimo de 9 días de maduración, e está elaborado con leite pasteurizado ecolóxico de vaca, procedente de explotacións gandeiras sustentables que usan o pastoreo, e seleccionadas pola Cooperativa Cobideza, cun marcado carácter de elaboración tradicional e artesanal. Presenta forma lenticular, de cortiza fina e elástica, brillante e lisa, e no interior, apréciase unha pasta uniforme, cremosa, sen gretas, dunha cor entre branco marfil brillante e amarelo pálido. Cobideza aproveita a calidade do leite dos seus asociados para impulsar este tipo de queixos cun produto procedente directamente do fabricante, diferenciado pola súa calidade.