O Grupo Galitec, fundado e dirixido por José Ramón Pedrosa e Mario Reboredo, comezou a súa andaina no ano 2005, e está a consolidarse como un dos grupos empresariais máis sólidos da Comarca de Deza.

A incorporación da quinta empresa ao grupo neste ano 2019 está sendo clave para o seu crecemento, estimado nun 35% respecto ao 2018. Prevese así que o grupo acade unha facturación de 20 millóns de euros a peche de ano.

A diversificación do negocio e da inversión pola que sempre apostou a dirección da compañía segue estando detrás desta nova ampliación. Iconsa, adicada á instalación de carpintería interior en madeira, dará cobertura a obras públicas e privadas nun movemento estratéxico cuxo obxectivo é ampliar a oferta de servizos e produtos coa que actualmente conta o grupo. Para alcanzar dito obxectivo, será clave a apertura proximamente da nova fábrica de armarios ubicada no Polígono Lalín 2000.

O Grupo Galitec conta na actualidade con case 100 traballadores; un amplo cadro de persoal polo que recibiron o Accésit á Creación de Emprego nos Premios Xove Empresario do Ano 2018, premiando o seu compromiso e a súa labor na mellora das posibilidades e oportunidades onde se establecen os negocios do grupo.

As súas delegacións en Madrid e Canarias, nas que tamén crea postos de traballo cuberto en parte por persoal galego, xunto coa sede principal en Lalín, dan cobertura á totalidade do territorio nacional e de Portugal. Non en vano a internacionalización do grupo é un dos principais obxectivos estratéxicos xa, con foco especial en países de América do Sur.

Ademais da empresa matriz, Galitec, adicada á creación e instalación de espazos de deporte, ocio, saúde e benestar, e da submarca Mi Piscina Natural, especializada na construción de piscinas de area, o Grupo Galitec conta con outras tres empresas centradas no sector primario.

Emdeza é a máis recente delas, constituída no ano 2017 e especializada na fabricación, comercialización e distribución de elaborados cárnicos de porco e tenreira.

No ano 2013 créase Agro Avícola 3, que comeza cun núcleo de dúas granxas de galiñas reprodutoras e no 2017, ao fin do proxecto de expansión das instalacións, alcanza unha capacidade de 9.000.000 de ovos incubables ao ano (máis de 30.000 ovos/día).

Avideza nace tan so 3 anos antes, no 2010, cando os fundadores de Galitec xerminan a idea da diversificación do grupo e apostan polas súas orixes agrarias e gandeiras. Así, Avideza centrada na cría de polos broiler segue medrando e ten previsto a apertura de 3 novas naves no próximo ano e medio, que se sumarían aos dous núcleos actuais, todos eles sitos na comarca.