Mañá terá lugar o día grande da Feira do Cocido de Lalín, unha cita que este ano será especialmente celebrada pola recente declaración de Fiesta de Interés Turístico Internacional, convertíndoa na primeira celebración gastronómica de España que acada tal recoñecemento.

Programación

Arredor das 10.30 horas terá lugar a recepción da pregoeira, Sonsoles Ónega, e demais autoridades. Acto seguido celebrarase o Capítulo Xeral da Encomenda do Cocido. Despois da firma da pregoeira no Libro de Honra e a impresión das súas mans nun molde, os actos principais trasládanse ata o Campo da Feira, na Carpa do Cocido, o epicentro da cita gastronómica que ofrece un espazo de exposición, promoción e venda de gastronomía e produtos galegos. Ás 12.00 celebrarase o Cocido Corredoiro, unha iniciativa na que participarán diversos Entroidos tradicionais galegos polas rúas da localidade, para posteriormente dar paso á lectura do pregón, a eso das 12.45 horas na Rúa Principal. Será a xornalista e escritora Sonsoles Ónega a encargada de loubar as excelencias do prato rei da gastronomía galega. De seguido, terá lugar o tradicional desfile de carrozas, charangas e comparsas, agrupacións musicais e entroidos galegos. Despois da longa sobremesa, tal como manda a tradición, o Concello de Lalín ten programado un serán musical con sendas actuacións a cargo da orquestra Cinema e as Charangas Ardores, Kilómetro 0 e Leña Verde.