A Feira do Cocido de Lalín supera o medio século de vida. Durante a xornada de hoxe a Carpa Mahou -un espazo de exposición, promoción e venda de gastronomía e produtos galegos- estará aberta ao público, e acollerá un Showcooking a cargo de cociñeiras profesionais a partir das 12:00 horas. Inés Abril, Iria Espinosa e Lucía Freitas serán as encargadas de amosar o seu bo facer nas cociñas habilitadas neste espazo. Obradoiros para nenos, actuacións musicais e os cantos de taberna completan as propostas de ocio para a xornada de hoxe. Xa pola noite, e como colofón aos actos previos do día grande da feira, está programado un espectáculo pirotécnico que durará uns 15 minutos e contará con preto de 3.000 artefactos.

Día grande

Mañá terá lugar a LI Feira do Cocido e se as previsións meteorolóxicas se cumplen, agárdase unha xornada perfecta para disfrutar dunha festa inesquecible tanto para os veciños e veciñas de Lalín, como para os milleiros de visitantes que se acheguen ata a capital da Comarda de Deza. Arredor das 11:00 horas, na Casa Consistorial, terá lugar a recepción de autoridades e mais do pregoeiro, o xornalista e presentador Xabier Fortes. De seguido farase entrega da distinción Aldea Singular do Concello de Lalín, que este ano recaeu na parroquia de Doade, un acto que contará coa música da Asociación Cultural Carballo da Manteiga. Ás 12:00 horas será a apertura oficial da Carpa Mahou, onde preto de cincuenta establecementos da comarca poñerán a venda todo tipo de produtos relacionados co cocido. A lectura do pregón será ás 12:45 horas, para de seguido dar paso ao desfile de carrozas, charangas, comparsas e agrupacións musicais. Tras él, os restaurantes e fogares da vila encheranse de comensais para degustar o tradicional manxar. Pola noite, a partir das 20:00 horas, Xabier Díaz e as Aldufeiras de Salitre darán un conerto na Praza da Igrexa.

Una das principais novidades da edición deste ano será que a LI Feira do Cocido de Lalín vai ser retransmitida integramente e en directo vía streaming co obxectivo de que as diferentes actividades do evento poidan ser seguidas en tempo real en calquera parte do mundo e a través de calquera dispositivo.

Desfile tradicional

Un dos pratos fortes da xornada de mañá será o desfile de carrozas, charangas, agrupacións musicais e comparsas, que terá lugar a partir das 13:00 horas, despois da lectura do pregón. A cooperativa gandeira de Botos, e as carrozas dos veciños e veciñas das parroquias de Mouriscade, A Xesta, Sello, e Cercio, así como a elaborada pola asociación Cabaleiros de Lalín, participan no concurso de carrozas da edición deste ano.

A capital da comarca de Deza triplica a súa poboación durante o día grande da cita gastronómica

Lalín agarda mañá a chegada de algo máis de 60.000 visitantes, o que supón prácticamente o triple da súa poboación. Consolidada no calendario gastronómico do país, a Feira do Cocido agarda ser recoñecida, máis pronto que tarde, como Festa de Interese Turístico Internacional.