Dinámicas de grupo e moita participación marcaron o obradoiro “Alumnado con diversidade no aula: metodoloxía e acceso ao currículo”, desenvolvido onte durante a celebración do VI Foro de Educación FARO EDUCA por Paula Carreiro e Rita Reza, vicepresidenta e presidenta de AGAMPI (Asociación Galega de Mestres e Mestras pola Inclusión).  

“O primeiro que debemos cambiar é a forma que temos ás veces de dirixirnos ao alumnado, fuxindo de etiquetas e empregando o verbo estar e non o ser”

Unha cita na que ambas profesionais aproveitaron para concienciar “sobre a necesidade de cambiar as metodoloxías no aula para poder atender a todo o alumnado por igual, adaptando recursos e aprendendo a reflexionar sobre como nos diriximos a eles”, ademais de insistir na importancia de que “familias, docentes e equipo profesional do centro escolar traballen xuntos e colaboren nesta tarefa porque todos somos imprescindibles”. 

Como te dirixes a eles?

1, 2, 3! Nada máis empezar o taller, chegou a sorpresa, con Carreira e Reza vestidas de detectives recrutadoras. A quen buscaban? Pois axentes dispostos a formar parte da Axencia Multiestelar Inclusiva. 

Deste xeito e durante a cita fíxose fincapé na parte máis emocional desta misión e, de feito, as etiquetas que inconscientemente se poñen aos alumnos foi una das cousas que máis sorprendeu aos participantes: o ‘listillo’, o ‘ausente’ , o que se porta mal, o que ten necesidades especiais…. 

“Todas esas formas que temos moitas veces de dirixirnos ao alumnado é o primeiro que temos que cambiar”, insistiron as expertas, que non deixaron de aportar “trucos máxicos” para logralo como: “Máis fácil do que poda parecer, emprega o verbo estar e non o ser”, “vai o grao que senón non me empano” ou “cando me rifas non podo estar atento. Explícamo noutro momento”. 

Ao rematar, Carreira e Reza, repartiron os merecidos carnes de ‘Axentes Inclusivos’ entre todos os participantes neste obradoiro que puxo por riba da mesa recursos e ferramentas para atender á ampla diversidade das aulas.  

¡Tíñano conseguido!: 30 docentes máis traballan desde onte pola inclusión real de todos nas aulas.