A historia do Comando Igualdade, a coñecida canteira viguesa que dende fai máis de 10 anos forma a mocidade e as crianzas como axentes de cambio na cidade olívica, serviu coma inspiración e punto de partida para un obradoiro que non deixou lugar a dubidas: é preciso traballar desde xa a igualdade nas aulas, unha misión para a que o papel dos docentes representa un inmenso valor.

Priscila Retamozo, politóloga pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster de Igualdade de xénero na Universidade de Málaga, é a coordinadora externa deste grupo de mozas e mozos concienciados e cada vez máis numeroso que transmite valores de igualdade, identidade e sexualidade libre.

Taller de Priscila Retamozo en la jornada del viernes, del Foro de Educación Faro de Vigo. JOSE LORES

Este venres pola tarde púxose ao fronte do obradoiro “Canteira da Igualdade. A mocidade e as crianzas como axentes de cambio nas aulas”, que repetirá o sábado e durante a que a experta compartiu ferramentas prácticas para a prevención da violencia de xénero, a loita contra os estereotipos e a consecución dunha educación afectivo-sexual satisfactoria para as futuras xeracións.

“Temos que formar un espazo seguro no que eles podan falar do que lles preocupa; e o noso papel como docentes ten que ser acompañar: deixar que sexa o alumnado o que propoña, o que pense, o que se organice...”, dixo Priscila Retamozo, que predicou co exemplo presentándose ela mesma, contando a súa historia e mergullando as participantes nunha dinámica de grupo no que tiveron que compartir o seu nome, as súas expectativas con respecto ao obradoiro e un superpoder.

Espazo seguro foi deste xeito precisamente o que se creou na sala UNED do Auditorio Mar de Vigo na que puideron coñecerse mestras activas das distintas etapas educativas, nais de nenas e nenos adolescentes, e mesmo unha mestre, psicóloga e avoa de cinco netos.

Comunicación, escoita, coñecemento ou convencemento foron deste xeito algunhas das habilidades que recibiu Retamozo como resposta, quen tamén contou anécdotas persoais sobre o inicio do Comando Igualdade fai máis dunha década, unha iniciativa da que ela mesma formou parte cando tiña só 15 anos e apuntou ademais á identificación cos referentes entre as chaves para vencer as resistencias, coas que hoxe en día os docentes tópanse moito na aula.

38

El VI Edición del Foro de Educación FARO EDUCA, en imágenes José Lores

Redes sociais

Neste senso, entre as chaves da xornada destacou tamén a o papel dos contidos en redes sociais e dos discursos nas aulas, “dous espazos fundamentais de socialización a idades temperás”, dado que para poder actuar de forma efectiva e construtiva sobre certos comportamentos, o primeiro é coñecer o entorno e o contexto destas realidades, cun modelo “non culpabilizador nin adultocéntrico”.

Un taller intenso, tal e como xa prometía de anteman Retamozo, no que docentes e familias asistentes puideron atopar aliados novos e reais á hora de facer fronte aos que, ao cabo, representan problemas cotiás do día a día, pero para os que moitos aínda non sabemos como responder moitas veces.