Isabel Mociño, doutora en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, traballa en diferentes liñas de investigación sobre a literatura infantil e xuvenil, a lectura e a promoción de hábitos lectores entre a infancia e a xuventude. Chega ao VI Foro de Educación co obradoiro "Artefactos para ler +", que nos explica coas súas palabras:

Na educación actual un dos retos que teñen que abordar docentes e familias é a promoción da lectura e o fomento dos hábitos lectores: inicialos coas crianzas dende idades temperás e mantelos entre a adolescencia e a xuventude. Pero... que modelos lectores somos os adultos? que estratexias empregamos? que recursos coñecemos?Neste obradoiro abordaremos dende unha perspectiva experiencial algunhas das implicacións que ten a lectura como proceso intransferible e á vez compartido; reflexionaremos sobre a necesidade de contaxiar o gusto por ler; e empregaremos algúns recursos motivadores ("artefactos") que nos levarán a sentir que temos que saber ler cos cinco sentidos.