“É básico que os nenos comprendan a realidade na que viven”. Esta é unha das claves do obradoiro impartido neste V Foro de Educación por Javier García, pedagogo e mestre no CEIP Torre Illa. Defende Javier García que a educación debe ser máis ecosocial e prevé que así será, integrando no currículo temas coma o cambio climático, a biodiversidade, a ecoloxía, melloras sociais...

Baixo o título “O futuro da educación dende o interior da aula: saber facer e saber ser”, García converteu o seu obradoiro nunha clase práctica,reflexionando cos asistentes sobre como facer para que os rapaces/as entendan a realidade máis próxima e botando man da súa experiencia educativa. O mestre Javier propón varias actividades que el mesmo pon en práctica: faladoiros, hora de ler, hora de escribir ou aprendizaxe baseada no lugar. No día a día convén sacar un tempo para poñer en práctica estas actividades, segundo o mestre.

No seu traballo diario García realiza moitas saídas a espazos exteriores, a relación cos avós, veciños/as... “Sempre partindo das realidades locais: escola, casa, barrio, vila... Esas son as súas realidades. Moitas veces ofrecémoslles contidos coa mirada de adultos, por exemplo, dunha catástrofe noutro país, cando para eles o máis importante é o máis próximo e na súa contorna poden aprender sobre biodiversidade, especies... iso é o que temos que fomentar”, comentou Javier García.

Por iso o mestre e pedagogo recomendou aos mestres e mestras asistentes aos seus obradoiros, impartidos onte e o venres, que antes de explicaren a contorna aos rapaces/as é importante que nós mesmos a coñezamos. “É moi importante pisar máis o terreo que pisan os nenos/as. Falo das prazas, montes, parques, coñecer os comercios, as tendas, os bares, a historia da vila... Porque así axudamos a que eles e elas coñezan e queiran moito máis a comunidade na que viven...”, apuntou Javier García. No seu caso é tarefa relativamente sinxela xa que el imparte clase nunha zona da que é orixinario, neste caso A Illa de Arousa.

Tamén houbo espazo no obradoiro de García de introducir elementos para a reflexión: sobre a música que escoitan os rapaces, a publicidade, a moda, o uso das redes sociais... García pon o foco nestes temas para reflexionar sobre os seus efectos nos rapaces. Os participantes tiveron a oportunidade de valorar como eses produtos que se consumen afectan ao seu comportamento e formación, e insistíuse na necesidade de aplicar o coñecemento crítico sobre a realidade que están vivindo.

Letras de cancións

Para García hai temas que deben ser incorporados ao currículo: tales como a ecoloxía, os roles de xénero ou o cambio climático. No obradoiro houbo imaxes e música para a reflexión, por exemplo, dende ‘Bugs Bunny’ ata imaxes de marcas de moda. Os faladoiros diarios propostos por García son básicos para analizar letras, imaxes, vídeos que aparecen nas redes sociais, videoxogos... “As letras, as imaxes, os vídeos, o tipo de música, melodías tremendamente deseducadoras... ao falar na aula destes temas axudamos ao alumnado a comprender a realidade na que están vivindo e que poidan ser críticos/as”, segundo García.