“Unha das variables máis importantes na xénese do acoso escolar é o prexuízo e o rexeitamento da diversidade"

"Tradicionalmente o acoso escolar estudouse dende unha perspectiva moi psicolóxica e individualizada e desatendéronse outras variables de tipo social que fan referencia ás crenzas e actitudes sociais en torno ao xénero, a sexualidade, a etnia/nacionalidade ou a calquera outra categoría identitaria que separe ao alumno/a do grupo maioritario. Estas variables, relativas ao rexeitamento do que non se considera ‘normal’, son claves na comprensión e prevención do bullying”. Mavi Carrera, docente universitaria na Universidade de Vigo e investigadora dende 2005, impartirá obradoiros centrados na prevención do acoso escolar e o ciberacoso no V Foro de Educación de FARO, que se celebrará os próximos días 24 e 25 no Auditorio Mar de Vigo.

O traballo desta profesora céntrase na construción da identidade de sexo/xénero no marco da heteronormatividade, as violencias de xénero, o bullying/cyberbullying como prácticas de outredade e a pedagoxía intercultural, crítica e queer para previr a violencia e promocionar a convivencia nos espazos socioeducativos. Carrera defende precisamente “unha pedagoxía intercultural, crítica e queer para avanzar cara a humanización do alumnado”. Apunta un dato: o fenómeno do acoso/ciberacoso escolar, internacionalmente coñecido como bullying/cyberbullying, comenzou a estudiarse nos países nórdicos na década dos 70 do século XX. “No Estado español non será ata 2004, co suicidio do mozo vasco Jokin, que xurda un interese social e investigador neste fenómeno”, afirma.

  • “Da instrución á humanización: unha pedagoxía crítica e queer para a prevención do acoso e do ciberacoso escolar”
    Mavi Carrera, docente universitaria na UVigo e investigadora dende 2005, o seu traballo céntrase na construción da identidade de sexo/xénero no marco da heteronormatividade, as violencias de xénero, o bullying/cyberbullying como prácticas de outredade e a pedagoxía intercultural, crítica e queer para previr a violencia e promocionar a convivencia nos espazos socioeducativos, e preséntanos a súa ponencia no V Foro de Educación.

“A diversidade está moda, pero a miña percepción é que, para as escola e as familias continúa sendo un contido de segunda. A escola segue moi anclada nun paradigma positivista e instrutivo que persegue, fundamentalmente, a eficacia e a excelencia académica, esquecendo o obxectivo xenuíno da educación, que debe ser, por encima de todo, humanizar ao alumnado, o que necesariamente implica unha educación en valores obrigatoria e de calidade, fortemente comprometida co ben común e coa xustiza social. Por non falar de reivindicacións como o “pin parental” no que a familia pode decidir que os seus fillos e fillas non se formen neste tipo contidos”, expresa esta experta. Para Carrera, a homofobia e, en xeral, o rexeitamento cara a diversidade sexual, ao igual que co sexismo e coa violencia de xénero, “é unha realidade coa que convivimos a diario”.

Taller: Acoso

Venres 24 e sábado 25

“Da instrución á humanización: unha pedagoxía crítica e queer para a prevención do acoso e do ciberacoso escolar” é o título do obradoiro que impartirá Mavi Carrera, profesora na Universidade de Vigo (UVigo).

“O asasinato de Samuel Luiz este verán, nun lugar tranquilo como é Galicia, é a punta do iceberg dun rexeitamento xeneralizado á diversidade que soe manifestarse con abusos e discriminacións de máis baixa intensidade”, apunta Carrera, que engade que hai que destacar que a orixe do bullying e doutro tipo de violencias “non está na diversidade de identidades, en identificarse como LGBTIQ, transgredir os estereotipos de xénero ou pertencer a un grupo étnico minoritario, senón en vivir nunha sociedade que rexeita e exclúe a diversidade”.

Loading...

Considera esta experta que falta unha aposta real e efectiva no eido educativo, no que é moi necesario e urxente unha formación en valores obrigatoria e de calidade que visibilice a riqueza da diversidade sexual. É moi hipócrita declarar a tolerancia cero contra os crimes de odio e permitir que a semente destes delitos, a LBTIQ-fobia, prenda na infancia e na mocidade, porque non educar no valor da diversidade implica necesariamente posicionarse en contra dela”, engade Carrera.

“Da instrución á humanización: unha pedagoxía crítica e queer para a prevención do acoso e do ciberacoso escolar” é o título do taller que impartirá Mavi Carrera, cunha sesión o venres 24 (17.30 h) e outra o sábado 25 (17.45 h).

“No obradoiro analizaranse varias experiencias de acoso escolar, incluíndo as aportadas polas persoas participantes, identificando as causas e procurando alternativas de intervención proactiva”, expresa Carrera, que engade como reto nestas sesións: “quero poñer o foco no verdadeiro obxectivo da educación, que non é outro que a humanización do alumnado e a transformación social”. “Axudar a docentes e familias a promocionar a valoración da diversidade e a loitar contra o prexuízo e a exclusión para que, dende a súa práctica educativa, contribúan á creación de escolas e sociedades máis democráticas, xustas e seguras”, é outro dos desafíos que describe esta investigadora.