“É ideal decatarnos da posibilidade de transformar zonas comúns, como son os patios. Por exemplo, esas zonas de xardín dos coles con limitación de acceso (prohibido pisar o céspede), pois permitirlles o acceso libre. Mesmo o aproveitamento de taludes como zonas de xogo, de gabeo... non é complexo, mais hai que mudar a ollada do medo ao risco pola confianza; iso si, cumprindo sempre a normativa. Neste eido, penso que a COVID favoreceu o emprego de zonas residuais do cole, ao ter que dividir o espazo por grupos, coa eiva da ausencia da libre circulación polo espazo, que esperamos poidamos ir recuperando aos poucos”.

Judit Santos, psicóloga e socia fundadora de Miudiño S. Coop. Galega, impartirá no V Foro de Educación de FARO (que se celebrará os días 24 e 25 no Auditorio Mar de Vigo) obradoiros sobre a transformación dos patios escolares. “Patios vivos: naturalización e xogo libre nos patios escolares”. A primeira sesión será o venres, día 24, ás 17.30 horas e a segunda: o sábado 25 ás 17.45 horas.

O obradoiro de Judit Santos vai dirixido “á comunidade educativa, familias e docentes que queiran intervir no patio, no espazo exterior da escola”. “Vai dirixido a todas as persoas que queiran iniciar un proceso de transformación do patio, que teñan a idea, gañas….mais non saiban nin por onde comezar. Ou que xa teñan comezado o camiño, mais lle xurdiran conflitos ou dúbidas que paralizaran o proxecto… Será un punto de partida, de analizar problemas, dúbidas e ver cal é o camiño con maior probabilidade de éxito”, expresa Judit.

Taller: Patios

  • Venres 24 e sábado 25

Judit Santos, psicóloga e socia fundadora de Miudiño, impartirá obradoiros o venres ás 17.30 horas e o sábado ás 17.45 h. “Patios vivos: naturalización e xogo libre nos patios escolares” é o título da súa intervención para o V Foro Educativo de Faro de Vigo. Entradas en: www.faroimpulsa.es.


A conversa, “a parola”, como ela mesmo indica, será a base dos seus obradoiros, “mesturada coa exposición da nosa experiencia e coñecementos”.

“Nós comezamos co proxecto de intervención nos patios escolares no 2017, e nestes 5 anos si percibimos o incremento na demanda da necesidade de mudar os espazos exteriores. Isto fala do cambio social que estamos a vivir, da necesidade de considerar a perspectiva de xénero, a inclusión da diversidade e o enriquecemento de cultura de xogo na infancia, mais tamén fala do resultado do traballo de moita xente motivando e impulsando o cambio, como poden ser Carme Cols e Pitu Fernandez de El Nous Safareig, Heike Freire, Katia Hueso, a asociación Patios Habitables, o COAG, Ludantia…e todas as persoas que pouquiño a pouco van transformando o seu espazo”, argumenta.

Loading...

A transformación do espazo exterior é necesaria porque “ten que dar resposta ás necesidades e características de toda a comunidade educativa, non pode ser só e para emprego dun poucos”. “Precisamos escolas que asuman o rol de creadora dunha sociedade fermosa, cooperativa, na que todas as persoas que a habitan poidan desenvolver ao máximo a súa potencialidade e os seus soños”, segundo as palabras de Santos.

“Precisamos espazos exteriores promotores da saúde e que transmitan calma”

Nos últimos anos son moitos os centros que apostaron por modificar os hábitos e tradicional funcionamento dos espazos exteriores. “Os cambios chegan cando a sociedade percibe a necesidade de transformación e pode traballar sobre ela. Penso que non se trata tanto de dividir o espazo e dicirlles aos nenos e nenas onde teñen que estar en cada momento, a que lles toca xogar hoxe….senón dotar o espazo de múltiples posibilidades, darnos conta as persoas adultas da capacidade de decisión de nenos e nenas e permitirlles xogar libremente ao que desexen, dándolles tempo e espazo para o xogo libre, que é algo que non teñen moitas veces no día a día. E logo, por outra banda, o considerar que o patio pode ter moitas máis funcións que non só o momento de recreo ou ximnasia. Que é un espazo máis do centro, en moitas ocasións infra-utilizado, e que cun pouco de reflexión, podemos empregar tamén como espazo de aprendizaxe”, expresa Santos.

  • “Patios Vivos: naturalización e xogo libre nos patios escolares”

    Judit Santos, psicóloga social e socia fundadora de Miudiño S. Coop. Galega, preséntanos a súa ponencia no V Foro de Educación.

En canto aos obxectivos deste obradoiro: “un deles sería favorecer que os espazos sexan empregados en igualdade de oportunidades por todas as persoas que neles habiten (inclusión e coeducación) mais tamén é necesario ter en conta que precisamos que os espazos sexan promotores da saúde en todos os niveis, físico, social, cognitivo e emocional”. “O ideal sería que puideramos construír espazos de calidade para as persoas que neles están. Que ese espazo nos xere calma, que nos permita circular libremente por el, que sexa estimulante a nivel sensorial e motor, que nos permita facer novas amizades con quen compartir paixóns... que permita aos nenos e nenas vivir con liberdade de movemento e decisión, que permita ás persoas adultas organizar aulas e tempos no exterior, para que toda a comunidade obteña os beneficios do contacto diario coa natureza”, conclúe Santos.