O V Foro de Educación, a maior cita coa educación en Galicia, quenta motores e anuncia un completo programa con seis conferencias e máis de media docena de obradoiros deseñados por expertos de todas as ramas para entender o presente e debuxar, man a man coas familias e a comunidade docente, o futuro dun sector fundamental. 

Javier García, preséntanos a súa ponencia:

O meu nome é Javier García García, natural da Illa de Arousa (aspecto este que define parte da miña personalidade) e docente por vocación dende que crucei cun mestre que cambiou a miña percepción do que é ensinar e aprender.

Despois de varios anos en cargos directivos sen abandonar nunca a docencia directa na aula, quixera facer referencia á necesidade dun novo enfoque no seo da didáctica no interior das aulas en Educación Primaria e nos primeiros cursos da Educación Secundaria. Nunca estiven dacordo coa visión educativa de facer do alumnado axente protagonista dun cambio social, medioambiental ou cultural. Entendo que, dende unha perspectiva moral ou ética, ver á infancia como axente que provoca o cambio é asumir, dende pequenos, a máxima neoliberal e capitalista de autoexplotación e de autoexpoñerse en todo momento e para sempre.

Xa dende pequenos é necesario entrar aí?

Decicín darlle unha volta. Simplemente a idea non é que o alumnado sexa axente de cambio nin protagonista dos cambio que precisa a sociedade. A proposta didáctica consiste en formar ao alumnado nas realidades que van conformar o seu futuro. Que estean preparados, que coñezan e que se recoñezan como partícipes dunha sociedade con melloras pendentes.

Á escola cústalle moito seguir o vertixinoso ritmo da sociedade. É importante que dende a escola se poida axudar ao alumnado a comprender o mundo no que van vivir. Un mundo con eivas. Só con facelos conscientes e formalos para que coñezan fórmulas para que esas eivas desaparezan xa me daría por satisfeito; cando menos tería asegurada a súa visión crítica. Ás veces, dende a escola, pretendemos que sexan os nenos/as os protagonistas dun cambio que nin os adultos fan, nin a política promove, nin as empresas executan, nin os medios de comunicación publicitan.

Creo na necesidade dunha formación social, ambiental e cultural contrahexemónica que parta da aula, forme parte da identidade da escola e chegue ao seo da comunidade educativa.

Ao longo do obradoiro teremos a oportunidade de darlle resposta a moitas das preguntas que non nos fixeron na nosa infancia sobre temas nos que, logo, tivemos dificultades de comprensión. Poderemos revivir momentos nos que poidamos recuperar ao neno/a e tamén ao mestre/a de pobo que todos levamos dentro.

Coñeceremos un conxunto de dinámicas didácticas para integrar nas aulas co fin de axustar moito máis a necesidade do alumnado de saber, de facer e de ser sobre a realidade na que viven (que é na que primeiro se desenvolven). Ninguén é quen de educar en realidades descoñecidas, partiremos do que coñecemos para telo presente no noso día a día. Tocaremos todos os elementos curriculares para que vexamos a fácil conexión entre o saber, o facer e o ser si se traballan dende o máis próximo ao alumnado e para un fin comunitario.

A vertente ecosocial é garantista de futuro. É básica para conformar comunidades futuras máis respectuosas, tolerantes, integrais, amables, participativas, activas, democráticas, solidarias... O obradoiro ofrecerá un marco teórico para xustificar o novo enfoque ecosocial dende o interior da aula. Un enfoque sinxelo, inclusivo, ecolóxico, comunitario, social, participativo... e no que todo mestre/mestra de pobo se recoñecerá facilmente e que esixirá a súa participación na comunidade social e cultural na que vive o alumnado.

Na parte práctica, no obradoiro teremos a oportunidade de coñecer e idear diferentes iniciativas para integrar a necesidade dunha formación social, ambiental e cultural contrahexemónica. A música que escoitan, os vídeos que ven, a información á que acceden a través da pantalla do seu móbil, os videoxogos aos que xogan... están deseducando a unha gran porcentaxe das novas xeracións e os seus contidos e ensinanzas teñen máis influencia que os esforzos educadores que se fan dende a escola e dende a familia. Analizaremos esta realidade e traballaremos para definir estratexias que axuden a que o alumnado coñeza, se recoñeza, reflexione, faga reflexionar e sexa consciente da necesidade dalgúns cambios.

É certo que para educar a un neno é necesario unha comunidade enteira. Esa sería a pretensión final do meu traballo: A creación de comunidades locais educadoras nunha cultura contrahexemónica.