Día da Muller e da Nena na Ciencia
Inspirando ao futuro (en feminino) da nosa ciencia
O CSIC porá en marcha múltiples actividades dende os seus centros de Galicia polo Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que se celebra o próximo 11 de febreiro

Videoconferencia do CSIC con escolares en edicións anteriores. / CSIC
«Eu de maior quero ser científica!». O futuro do desenvolvemento científico ten moito que ver cos sonos e as aspiracións dos máis cativos e, especialmente, das nenas. Os chamados ámbitos STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) foron historicamente espazos de gran desigualdade, aínda que nos últimos anos, segundo desprenden numerosos estudos, aumentou a presenza feminina.
Para continuar impulsando a igualdade na ciencia e que as cifras non deixen de medrar, no ano 2015, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas aprobou a creación do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Cada 11 de febreiro conmemórase ás pioneiras do sector, ponse en valor o traballo das referentes actuais e, sobre todo, promóvese entre á mocidade que a ciencia non ten xénero.
Neste sentido, os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia organizan cada ano unha intensa programación de actividades nos colexios de toda a comunidade (e fóra deles). Tal e como confirman dende a Unidade de Cultura Científica da Delegación Institucional do CSIC na nosa rexión, este 2025 non será unha excepción.
Obradoiros e divulgación no IEO-CSIC
Por unha banda, o Centro Oceanográfico de Vigo ten entre mans diferentes actividades con motivo do 11 F. Parte delas levaranse a cabo no marco de ‘CIMAR: Ciencia marina con los cinco sentidos’, un proxecto de divulgación científica que acerca, de forma inclusiva, a ciencia a colectivos con discapacidade física, intelectual ou sensorial.
Así, o 20 de febreiro, persoal do centro desprazarase ás instalacións do Hogar y Clínica San Rafael. Ademais, igual que en anos anteriores, persoal do IEO realizará charlas e obradoiros en centros educativos nas que visibilizarán o papel da muller no ámbito da oceanografía.
No Centro Oceanográfico de A Coruña tampouco se perderán esta efeméride. Segundo adiantan dende o CSIC a FARO, o 12 de febreiro recibirán unha visita dun grupo de estudantes do Ciclo Superior de Química e Saúde Ambiental do CIFP Ánxel Casal de A Coruña. O día 25 será a quenda do alumnado de 1º e 4º de ESO do CPR Salesianos da cidade herculina.

Visitas educativas no IEO-CISC. / CSIC
Videoconferencia coa Misión Biolóxica de Galicia
Pola súa parte, a Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) proxecta diversas propostas para conmemorar o Día da Muller e da Nena na Ciencia. O primeiro: a tradicional videoconferencia con Faro da Escola, coordinada pola Unidade de Cultura Científica do CSIC, que será o 11 de febreiro. Unha oportunidade xenial para achegar ao alumnado as experiencias do persoal científico-técnico do MBG.
O Comité de Igualdade e a Unidade de Valorización da MBG tamén organizará un foro sobre a saúde mental das mulleres nas disciplinas STEM e inaugurará o mural ‘A misión biolóxica en feminino’, con imaxes das súas primeiras traballadoras.
Para completar as iniciativas, a MBG difundirá unha campaña en redes chamada ‘Mulleres referentes en ciencia’. «É unha oportunidade única para que tamén os homes da MBG se involucren co 11F e para que o peso da visibilización da muller non recaia soamente nelas», explica o centro.
‘Mariñas en Xogo’
O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) propón no marco do 11F o evento «Mariñas en Xogo. Ciencia mariña coas mulleres do IIM, xogos en equipo e algo de picar». A cita será o vindeiro venres 14 de febreiro, de 18:30 a 20:30, no espazo A Morada (Rúa Enrique X. Macías, 6, Vigo). Durante ela, tres mulleres falarán sobre o seu día a día no mundo da investigación mariña e despois, capitanearán os equipos dun xogo de probas de todo tipo coa ciencia e a cultura oceánica como tema central.
A maiores desta actividade, non faltarán as visitas escolares para difundir o traballo das investigadoras do IIM.
Máis actividades nos centros do CSIC en Galicia

Imaxe oficial da campaña do CSIC polo Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia / Cedida
O Instituto de Ciencias del Patrimonio (INCIPIT) é outro dos centros do CSIC en Galicia que se suma ás celebracións do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Farano a través de conferencias en colexios, unha campaña en redes sociais para visibilizar as súas investigadoras e técnicas e visitas ás súas instalacións dos máis pequenos. Concretamente, os alumnos de Educación Infantil do Colexio La Salle acudirán ao INCIPT a primeira semana de febreiro.
Por outra banda, a Comisión de Igualdade do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (IEGPS-CISC) impulsará unha serie de charlas en centros escolares da provincia de A Coruña. Unha delas estará impartido por Amparo Rubio e María Rivo, investigadoras centradas no ámbito da Historia e da Historia da Arte, especialmente na época medieval e moderna.
Tamén compartirán a súa experiencia co alumnado as investigadoras Patricia Marín e Albina Sarymsakova, cuxa área de estudo é a de Humanidades Dixitais, onde estudan mediante métodos computacionais o noso pasado. Por exemplo, na actualidade están a traballar no estudo de fontes históricas para a detección automática de emocións.
- En una analítica, ¿qué significa tener los triglicéridos altos? ¿Qué hacer para bajarlos?
- Ikea recupera el zapatero vertical para la entrada que arrasa en ventas
- Daña cinco coches arrojando piedras a la AP-9 desde un puente en Vigo «pudiendo ocasionar un grave accidente»
- «Nadie cuestiona que una persona con hipertensión se medique, pero sí que lo haga una con depresión»
- Portugal aplaude la musical reacción del Celta ante el saludo nazi de los ultras del Betis
- Muere en León un escalador vigués donde años atrás perdió a su padre
- ¿Tienes mascotas en casa? Así podrás deducirte sus gastos de la declaración de la renta
- Uno de los acusados por las coacciones a Jenni Hermoso reconoce que tuvo negocios con Rubiales