X Edición Faro da Escola | Azucena Arias Mestra, orientadora e autora

«Nunca deixas de ser mestra, sempre o tes na cabeza»

A mestra e orientadora recentemente xubilada Azucena Arias da unha solleira benvida aos pequenos e pequenas lectoras do Faro da Escola da man de Debaixo dun parasol, cheo de historias que nos axudarán a comprender mellor aos demais e a nós mesmos cos nosos areais como fío condutor

A escritora e mestra Azucena Arias e portada do libro Debaixo dun Parasol, ilustrado por Ignacio Hernández.

A escritora e mestra Azucena Arias e portada do libro Debaixo dun Parasol, ilustrado por Ignacio Hernández. / Xerais

Co frío, vento e choiva que estamos a papar nesta volta o cole tras as vacacións de Nadal, era case obrigado botar man do libro Debaixo dun parasol (Xerais, 2017) para darvos a todos unha benvida solleira a este segundo trimestre do curso, no que pronto botará a andar o novo ciclo das charlas con autores do proxecto Faro da Escola. 

Unha das participantes nesta edición é precisamente a mestra e orientadora recentemente xubilada Azucena Arias, doutora en Didáctica das Ciencias Experimentais e autora de libros como O que agacha a equipaxe, A chave no peitoril e, por suposto, este diario de verán que promete axudarnos a quecer nestes días de xaneiro e grazas ao que xa case case podemos sentir o cheiro salgado dos nosos areais tras un longo inverno…

A lectura é ante todo iso, non? A posibilidade de pasar do frío ao calor, do curso escolar ás vacacións, quero dicir que é un lugar no que todo é posible. Tamén lle digo que aquí o que non se consola é porque non quere…

(Ri) Pois si, a verdade é que si. Buf, é que eu creo que a lectura apórtalles moitísimas cousas: experiencias, aventuras, coñecementos novos; pero tamén aprender a entender aos outros e mesmo o autocoñecemento: ás veces, non saben explicar o que lles pasa e chega unha historia que lles axuda a comprenderse mellor. 

Case que da igual como sexas e cal sexa a túa historia que es susceptible de pasar o verán baixo un parasol. Unha das poucas cousas que nos une a todos. Resulta brillante como fío condutor. Como se lle ocorreu? 

Agora xa non tanto, pero sempre fun unha adicta a praia. Aínda que no libro non o digo, a novela está totalmente ubicada na praia de Silgar en Sanxenxo, onde paso as miñas vacacións. Cada parasol asemella unha casa onde se reúne un grupo de xente, que o considera o seu lugar, onde ocorren mil cousas, e pareceume una boa idea engarzar desde aí. De feito, aínda que as historias son inventadas, máis dun personaxe está inspirado en persoas reais. 

Que imos descubrir a través desas historias? 

A idea era reunir cuestións reais, preocupacións das nenas e dos nenos. O fío condutor é a reflexión sobre o acoso, pero logo hai moitas outras historias polo medio: están as avoas e os avós encargados dos coidados; unha familia que sofre vendo como o pai está enganchado ao teléfono…  

Por que sentiches a necesidade de escribir sobre o acoso?

Como mestra e orientadora, o acoso sempre foi unha cuestión que me preocupou moito, sobre todo que o alumnado o saiba ver e que saiba tamén cales son as maneiras que teñen de loitar contra el; a sensibilización cara o coñecemento do que é e como se pode enfrontar. Porque si se pode enfrontar. 

Xubilácheste hai pouco, botas de menos as aulas? 

A verdade é que si, moito, sobre todo a relación coas nenas e cos nenos. Eu creo que nunca deixas de ser mestra a pesar de estar xubilada, que o segues sendo para sempre, que sempre o tes na cabeza. 

Novas e disparatadas aventuras en
Faro da Escola

O ciclo de charlas con escritores e ilustradores de Faro da Escola prepárase para volver facer das súas nas aulas viguesas. Os participantes que nesta edición visitarán os centros son: Alba Míguez e Damián Gómez, con Os vagalumes de Marí; Irene Alonso, da man de Refugallo o espantallo; José Malvárez, autor de Incoloro; a propia Azucena Arias e Debaixo dun parasol; Bea Gregores, tras As mulleres que cultivaban néboas; Xavier Estévez, con A memoria dos pingüíns; Rafael Fernández, da man de As pedras verdes; e Anxel con X, tras O caderno de rama.

Pronto voltarás a esa relación a través das visitas con autores do Faro da Escola. Tes ganas? 

É diferente, vas doutra maneira, como convidada, pero si: é unha experiencia moi chula. O que máis me gusta son as súas preguntas e a súa visión da obra.

Que é o que máis desperta a súa curiosidade? 

O que máis preguntan é si ti es ou tes algunha relación con algún dos personaxes. Despois, tamén soen ter moita curiosidade sobre como comezaches a escribir e de si é moi difícil. 

E é moi difícil escribir?

Bueno, tes momentos. A maioría das veces é sinxelo: tes un personaxe que é o que che pide que narres a súa historia ata levarte, incluso, a lugares que ti nunca pensaches; outras, tes un papel en branco que é difícil de cubrir, pero son as menos. 

¿En todo neno hai un escritor?

Coido que si. Teñen moita creatividade e imaxinación. Todo o está en como os animes: sen temas obrigatorios, se lles deixas ao seu aire, ves que a maioría ten un escritor ou escritora en potencia detrás. 

Tracking Pixel Contents