O xornalismo como clase extraescolar

«O Club Faro xa forma parte do cole!»

Este ano, as rías galegas serán as protagonistas do proxecto integrado do centro SEI San Narciso de Marín e, como tal, contarán cun espazo privelixado no seu xornal escolar. Un auténtico club de xornalistas que, ademais, está a experimentar e aprender con novas ferramentas como a Intelixencia Artificial

A equipa de xornalistas do Club FARO do SEI San Narciso de Marín.

A equipa de xornalistas do Club FARO do SEI San Narciso de Marín. / FdV

R.V

«Que non chegamos!» Se empregades esa frase adoito co proxecto escolar Faro da Escola, unha cousa está clara: xa vos podedes considerar todos xornalistas consumados. 

Temas, formatos, seccións, maquetas, imaxes, infografías, publicidade. Son moitos os elementos a ter en conta, e moitas as mans precisas, á hora de articular un xornal. A previsión e a coordinación entre as equipas debe ser excepcional. 

Por iso e porque o ritmo das redaccións vén marcado pola actualidade, o medo a non chegar a tempo forma moitas veces parte desta profesión, pero… Contámosvos un segredo? A pesar dos medos, aqueles que son capaces de manter a calma e seguir traballando, ao final sempre chegan. 

Sábeno ben na equipa do Faro da Escola do colexio SEI Narciso de Marín, onde hai xa tres anos que decidiron converter o proxecto Faro da Escola nunha clase extra-escolar máis do centro: «O Club Faro xa é unha actividade máis, unha cousa do cole; todo o mundo sabe que ese día hai reunión na biblioteca e eles xa din que son xornalistas do Sei San Narciso», relata Marcos Márquez, profesor de 5º e 6º de EP e, xunto ao mestre Darío Suárez, coordinador do proxecto Faro da Escola no centro. 

Puntual, a equipa de redacción do SEI Narciso de Marín reúnese todos os xoves de 15.00 a 16.00 horas na biblioteca de Primaria e, este ano como novidade, ata están vindo estudantes da ESO! Alí contan cunha gran pizarra na que, articuladas en seccións temáticas, desglosanse en forma de esquema as ideas que, unha vez desenvoltas, redactadas e maquetadas, ocuparán as 32 páxinas do xornal. 

«Intentamos que sexan eles os que fagan toda a elección e produción de temas, e os que se repartan as tarefas. Hai quen se encarga de falar con outros mestres para conseguir contidos para o xornal; outros da publicidade, con campañas a favor da lectura, etc.», describe o mestre que, ademais das propias relacións sociais, destaca tamén a oportunidade de traballar a expresión escrita ou a investigación de xeito divertido, así como o reforzo á autoestima do alumnado: «O día que se saca o xornal están moi orgullosos…E iso de ser, por exemplo, xefe de publicidade… pois xa podes imaxinarte». 

Reúnense todo os xoves para redactar e dar forma ás 32 páxinas do seu xornal escolar.

Reúnense todo os xoves para redactar e dar forma ás 32 páxinas do seu xornal escolar. / FdV

De Vigo a Ribadeo: 1.498 qm de costa que gozar e coidar

Por se todo isto fose pouco, o xornal en produción contará cunhas aliadas tan fermosas como importantes para a vida dos galegos. As nosas rías protagonizan o proxecto integrado do Sei San Narciso deste curso e, como tal, xa contan cun privilexiado espazo reservado na previsión de temas do proxecto. 

«Coñecer e defender as rías galegas é o fío condutor das actividades do centro este curso: están facendo actividades que conectan co temario das diversas asignaturas —por exemplo, en naturais, falamos da importancia de comer peixe no tema de alimentación—; e as distintas datas sinaladas do calendario — no Samaín, buscamos os puntos de medo das rías con, por exemplo, lendas de mariñeiros, etc.—», describe Marcos. 

De Vigo a Ribadeo, estes longos brazos do mar penetran nas nosas terras para converternos na comunidade con máis costa de toda España e agasállannos 1.498 km de tesouros que, sen dúbida, debemos coidar. 

Dito e feito: no club de xornalismo, xa están a preparar un cartaz para concienciar sobre a importancia de todo isto e, para facelo, están a experimentar coa aplicación de Open IA Copylot: «Vén moi ben para traballar a redacción. Eles teñen o mito de que, se contas coa IA, xa está todo feito, que xa o fai todo por ti, pero non é certo: tes que saber explicarlle o que buscas, o que queres, saber darlle as instrucións axeitadas para obter o resultado», explica o mestre, que defende: «Ben empregada, pode ser unha boa ferramenta, por iso pode ser interesante ensinarlles a empregala». 

Tracking Pixel Contents