No ano 1903, nace o Asilo do Niño Jesús de Praga, hoxe colexio plurilingüe. Esta institución ubicouse nuns terreos cedidos na rúa do Areal pola benefactora Clara del Río onde segue estando na actualidade aínda que totalmente cambiado. O obxecto deste asilo foi dende un principio cuidar, educar e alimentar de balde aos fillos dos obreiros que vivían na zona e as nais, operarias nas fábricas de conservas da zona. Actualmente non perdeu a súa esencia.

A Nosa Escola defínese como un Centro Católico das Fillas da Caridade, que basea o seu estilo educativo no Carisma dos seus fundadores, Vicente de Paúl e Luísa de Marillac.

Os Principios Inspiradores animan á acción educativa baseada nunha pedagoxía aberta, flexible e construtiva, que se adapta ás necesidades dos alumnos e que incorpora as innovacións didácticas que a calidade educativa esixe.

Estamos na procura dun desenvolvemento harmónico de todas as dimensións e competencias do alumno, para que chegue ao máximo das súas posibilidades.

Atendemos a cada persoa de forma individual, segundo as súas intelixencias, os seus intereses e os seus progresos.

A nosa escola é aberta e respectuosa coa pluralidade étnica, cultural e relixiosa para promover a integración social.

Comprometémonos, dende os valores evanxélicos, na construción dunha sociedade máis humana e máis xusta. Estamos seguros de que a aprendizaxe capacita ao alumno para servir mellor no mundo.

O noso ambiente educativo é fraterno o cal supón sinxeleza, acollida, confianza e alegría.

Presentamos unha proposta pedagóxica innovadora e de calidade ao alcance de todos os alumnos. Apostamos por unha renovación metodolóxica que motive e esperte nos alumnos o compromiso e a paixón por aprender.