Formamos parte do Grupo Educativo Castro - San Miguel. Somos un centro plurilingüe concertado dunha liña e cunha oferta educativa que abarca dende os 3 anos ata os 16. Temos un horario continuo de 09:00 a 14:00 horas e contamos cos servizos de Comedor e Aula Madruga. Polas tardes ofrecemos un amplo abanico de actividades académicas, deportivas e artísticas adaptadas a todas as idades e preferencias.

O noso centro ten xa unha longa traxectoria. Naceu no ano 1978 e dende entón o compromiso por unha educación integral e de calidade foi e segue sendo o noso leitmotiv.

O PROXECTO EDUCATIVO que inspira a nosa labor docente aséntase sobre cinco piares básicos:

  • A utilización dunha metodoloxía activa e en permanente proceso de mellora e innovación que sitúe ó alumno no centro do proceso de ensinanza-aprendizaxe e que fomente a creatividade, a curiosidade por aprender e o traballo cooperativo.
  • A reflexión e o diálogo como principais ferramentas dunha disciplina positiva.
  • A posta en práctica de proxectos interdisciplinares e a realización de actividades que impliquen a todo o centro escolar.
  • O traballo man a man coas familias, xa que entendemos que é fundamental para conseguir un adecuado progreso académico, emocional e social dos rapaces.
  • A atención á diversidade, porque consideramos que para dar resposta ás diferentes situacións dos alumnos é preciso adoptar medidas educativas que permitirán o desenvolvemento do talento que sabemos que existe en cada un deles. O noso centro é especialmente sensible ás necesidades de cada un dos nosos discentes e traballa día a día para garantir o seu progreso tanto académico coma persoal. No cadro da atención á diversidade cómpre salientar que contamos cun programa de reforzo e que somos un dos colexios de Vigo que posúe unha aula de educación especial onde os alumnos que o precisan reciben unha formación adaptada ás súas necesidades.

Este ano implántase no centro o programa TEI (titoría entre iguais) que ten coma obxectivo básico mellorar a integración escolar e traballar por unha escola inclusiva e non violenta.

No colexio El Castro alumnos, pais e docentes formamos unha gran familia caracterizada pola proximidade nas nosas relacións, a colaboración e o diálogo. O noso equipo de profesores entusiastas e vocacionais traballan por unha escola solidaria, democrática e igualitaria na que os nosos alumnos poidan desenvolver con orgullo todas as súas capacidades, individualidades e o seu espírito crítico.