Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A gran festa do xornalismo escolar

A gala de premios de Faro da Escola clausurou a súa XI edición cun acto multitudinario no que arredor dun milleiro de escolares de toda a provincia celebraron o traballo feito nas aulas

Alumnado co seu periódico no pavillón de Navia. | MARTA G. BREA

Alumnado co seu periódico no pavillón de Navia. | MARTA G. BREA

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Vigo

Parece que foi onte cando arrincaba esta undécima edición, pero despois de moitos meses de esforzo, ideas, titulares, entrevistas e páxinas compartidas, a meirande parte dos xornais escolares participantes convertéronse nunha realidade tanxible. O proxecto Faro da Escola, impulsado polo diario decano FARO DE VIGO, puxo o broche final á esta edición cunha gala celebrada o pasado 11 de xuño no Pavillón de Deportes de Navia, en Vigo.

Gala de premios de Faro da Escola. | MARTA G. BREA

Gala de premios de Faro da Escola. | MARTA G. BREA

Alí reuníronse arredor dun milleiro de nenos e nenas de Infantil e Primaria para celebrar un curso no que 51 centros escolares da provincia de Pontevedra participaron nesta iniciativa que busca achegar a prensa e os periódicos ao alumnado. Durante meses, os escolares probaron o oficio do xornalismo desde as aulas, converténdose en redactores, entrevistadores, fotógrafos, debuxantes e deseñadores dos seus propios xornais.

O broche final

A entrega de galardóns estivo marcada polas voces, as risas, os nervios e os aplausos dos escolares. Cada premio anunciado provocou berros de xúbilo entre os participantes, que viviron a xornada como o broche final a meses de traballo nas aulas.

A gala comezou coas verbas do presentador, Bruno Rodríguez, director de Tecnoloxías da Información en Faro de Vigo, El Correo Gallego e La Opinión de A Coruña.

Ademais, o acto contou coa presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e da vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, que participaron na entrega dos premios. Tamén asistiron representantes das empresas patrocinadoras —Avanza, Vitrasa, FCC e Vegalsa— e das entidades colaboradoras, como Edicións Xerais e o CSIC, ademais de FARO DE VIGO.

Que se premiou nesta edición?

Na XI edición de Faro da Escola entregáronse 91 premios repartidos en 34 modalidades. O xurado tivo que valorar os xornais tendo en conta criterios como a orixinalidade, a creatividade dos contidos, o deseño, a calidade das fotografías e, sobre todo, que os traballos estivesen feitos pola rapazada, aínda que sempre coa axuda imprescindible do profesorado.

Entre as categorías premiadas estiveron o Mellor Xornal, a Mellor Entrevista, a Mellor Reportaxe, a Mellor Fotografía, a Mellor Tira Cómica, o Mellor Suplemento, o Mellor Uso da Infografía e o Mellor Deseño. Nesta edición incorporouse ademais unha novidade: o premio á Mellor Investigación baseada no uso da hemeroteca, que permitiu aos centros traballar con materiais do diario decano para crear as súas propias pezas.

Tamén se entregaron premios especiais das entidades colaboradoras e patrocinadoras, que recoñeceron traballos vinculados coa súa actividade.

Máis aló dos premios, o verdadeiro valor de Faro da Escola está no compromiso de todos os que fan posible este proxecto: o alumnado, o profesorado, os centros e as entidades colaboradoras. Durante once edicións, centenares de nenos e nenas probaron o oficio do xornalismo desde as aulas e demostraron que, cando se lles dá voz, aparecen historias cheas de imaxinación, curiosidade e compromiso. Feliz verán e ata o vindeiro curso!

Tracking Pixel Contents