Gráficas Mariñas: cando a ciencia se deseña
Un proxecto colaborativo entre a Universidade de Vigo e o Instituto de Investigacións Mariñas celebra o Día Mundial do Océano levando a ciencia mariña á cidadanía a través de ilustracións feito polo alumnado da Facultade de Deseño
Luisa Martínez (IIM CSIC), Silvia García (Facultade de deseño, UVIGO), Pablo Martín (IIM CSIC)
Xa hai tempo que no eido científico xorden iniciativas que buscan achegar a investigación á sociedade a través doutras canles, outras linguaxes ou formas de representar o coñecemento. A proposta Gráficas Mariñas. Palabras de Ciencia é unha delas.
A iniciativa nace da Facultade de Deseño da Universidade de Vigo e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) que se unen nunha proposta colaborativa que ten por obxectivo chamar a atención sobre o papel da investigación mariña no actual contexto ambiental, económico e social, a través da interpretación e representación gráfica, por parte do alumnado da Facultade de Deseño, de termos científicos relacionados coas liñas de investigación do IIM. Esta é unha proposta na que ciencia e deseño dialogan sobre os propios termos científicos, que son narrados a través das ilustracións e deseños do alumnado.
O proceso creativo partiu da selección de «palabras de ciencia mariña» que foron escollidas polo persoal dos departamentos de investigación do IIM, e foi materializado polo alumnado de segundo curso do Grao en Deseño da Universidade de Vigo, na materia de Deseño e sociedade, que reinterpretou os termos científicos partindo do traballo gráfico e dos procesos de creación analóxicos.
Un dos valores destacados desta iniciativa é a colaboración entre institucións no eido educativo, que debería ser a norma e non a excepción. O alumnado universitario debería ter a oportunidade de medrar academicamente contrastando os seus coñecementos e competencias en proxectos que os acheguen a outras realidades lonxe da súa área de especialización. No ámbito do deseño non é habitual achegarse aos conceptos e representacións que se manexan no ámbito da investigación mariña. En xeral asociase o deseño gráfico coa publicidade co fin último de vender un produto. Manexar conceptos científicos ou campañas institucionais é un reto para os estudantes que precisan utilizar análises e abordaxes que non son as habituais. De aí o valor de traballar por proxectos nas aulas que permite entre outras cousas, o achegamento a distintas realidades sociais.
O resultado desta colaboración son 37 carteis que falan de ciencia mariña, parte dos cales saen á luz hoxe neste artigo coincidindo coa celebración do 8 de xuño, Día Mundial do Océano, e coa mirada posta nunha exposición cara final de ano.
Gráficas Mariñas. Palabras de Ciencia é unha proposta innovadora na que a investigación mariña busca o apoio do deseño gráfico como poderosa ferramenta creativa e visual, de adaptación e representación de conceptos complexos, facilitando deste xeito, o achegamento das palabras de ciencia á cidadanía.
Esta colaboración reforza os lazos existentes entre ambas institucións, fomentando o diálogo entre o persoal científico-técnico do IIM e alumnado do Grao de Deseño da UVIGO. As obras resultantes poñen en valor o traballo de documentación e reflexión levado a cabo polos estudantes, os verdadeiros protagonistas desta proposta, e a súa interpretación dos conceptos abordados.
- El afloramiento de aguas profundas por el viento de nordés «congela» a los bañistas de las playas de la ría de Vigo
- Adiós a los conciertos de verano en los chiringuitos de Vigo
- Los chapuzones sin salir de casa se vuelven cada vez más habituales en Vigo: «Ya estamos dando plazos para el año que viene para construir piscinas»
- Vigo entra en prealerta por sequía, con recomendaciones y varios usos prohibidos: «Tenemos agua para cinco meses»
- Trasladado grave un niño de dos años tras quedar atrapado en una valla de la guardería de Carril
- Portugal da luz verde a la acuicultura del futuro con su primera macrogranja de peces en alta mar
- La calle más poblada de Vigo tendrá en primavera un gran «macroparque»: puesta la primera piedra de la obra
- De acogida de refugiados a hospedaje laboral en Sanxenxo: «Podríamos llenar otros tres hoteles más»
