Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os xornais de Faro da Escola cobran vida no papel

Este martes imprimirase o último diario entregado polos centros educativos. O xurado xa está estudando as propostas para decidir os gañadores desta XI edición do certame, que serán anunciados nunha gala especial o próximo 11 de xuño

Periódicos participantes da actual edición de Faro da Escola xa impresos.

Periódicos participantes da actual edición de Faro da Escola xa impresos. / Marta G. Brea

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Un curso máis que se achega ao seu fin. Parece que foi onte cando arrincamos coa actual edición de Faro da Escola (e xa van once), pero despois de moitos meses de traballo, a meirande parte dos periódicos escolares que participaron xa son unha realidade tanxible e están en mans do xurado do certame. Este martes, 2 de xuño, entrará na imprenta o xornal dun último centro educativo.

En total, participaron 51 centros escolares da provincia de Pontevedra. Non todos conseguiron chegar á data límite cun xornal completo para poder imprimir, pero é igualmente un mérito ter participado neste proxecto, que busca acercar a prensa e os periódicos aos estudantes. Nestas 11 edicións que leva en marcha, centenares de nenos e nenas probaron o oficio do xornalismo dende as aulas, atrevéndose a contar historias en diferentes formatos e artellando páxinas e páxinas de información e entretemento coas que, case sen ser conscientes, estaban a traballar a imaxinación, a capacidade de lectoescritura, o pensamento crítico ou a curiosidade.

Así, esta noite sumarase o último xornal escolar participante e o xurado poderá valorar ben cales serán os galardoados deste ano, tendo en conta criterios como a orixinalidade e a creatividade dos contidos, e que estes estean feitos pola rapazada e non polo profesorado (aínda que sempre se agradece a colaboración inestimable dos mestres e mestras!). A decisión non será doada.

Categorías premiadas

A gala de entrega celebrarase o próximo 11 de xuño. Os premios dividiranse nas seguintes categorías:

  • Premio ao Mellor Xornal: valórase o xornal en conxunto, desde as seccións ao contido, o deseño e a fotografía.
  • Premio á Mellor Entrevista: seleccionarase a mellor entrevista de entre todos os xornais ou o mellor conxunto de entrevistas dun periódico, en base á súa orixinalidade ou a súa dificultade.
  • Premio á Mellor Reportaxe: tamén levará galardón a peza xornalística máis complexa.
  • Premio á Mellor Fotografía: dentro desta categoría premiarase, por unha banda, o mellor uso de foto en prensa (valorando o conxunto de todas as imaxes do diario) e por outra, a mellor fotografía de portada.
  • Premio á Mellor Tira cómica: como ben indica o nome, será recoñecido o autor da mellor tira.
  • Mellor suplemento: recoñecerase o suplemento máis completo e mellor estruturado.
  • Mellor uso da infografía: como ben indica o nome, será recoñecido aquel xornal que empregue de forma destacada as infografías nalgunha peza.
  • Mellor deseño: o xornal cun deseño máis visual e acorde ás características dun periódico «profesional» tamén levará premio.
  • Mellor investigación baseada no uso da hemeroteca: esta categoría é novidosa desta edición. Os centros tiveron acceso á hemeroteca do Decano para crear as súas propias pezas. Veremos que traballos saíron destas investigacións!
  • Premios Especiais: as entidades colaboradoras e patrocinadoras do proxecto tamén repartirán os seus propios galardóns entre aqueles xornais que inclúan os seus faldóns nunha páxina e aborden contidos relacionados coa súa actividade.
Tracking Pixel Contents