Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A historia dun galego en Mauthausen chega ao Carmelitas

O centro organizou unha charla-coloquio con Paco Pena, fillo dun deportado sobrevivente nun dos campos de concentración nazis, dirixida ao alumnado de 4º da ESO e 2º de Bacharelato

Charla con  Paco Pena no Carmelitas.

Charla con Paco Pena no Carmelitas. / FdV

Vigo

O seu pai sobreviviu a Mauthausen. A partir desta realidade, o alumnado do Colexio Carmelitas de Vigo achegouse a unha das páxinas máis duras da historia, nun encontro no que a memoria e o testemuño pasaron de xeración en xeración da man de Paco Pena, quen visitou o centro o pasado martes 14 de abril.

O relator é fillo de Francisco Pena Romero, un dos poucos galegos que lograron sobrevivir ao cautiverio nazi tras pasar máis de cinco anos prisioneiro no campo de concentración de Mauthausen.

Paco Pena, que actualmente conta con 91 anos, compartiu co alumnado de 4º da ESO e 2º de Bacharelato o testemuño vital do seu pai, así como a súa propia experiencia como fillo dun deportado.

Alumnado do Carmelitas.

Alumnado do Carmelitas. / FdV

No percorrido pola vida de Francisco Pena Romero, os episodios vividos durante os seus anos en Mauthausen son, sen dúbida, os que máis impactan. Tal e como lles relatou ao alumnado: «No campo de concentración, os prisioneiros eran obrigados a traballar nunha canteira á que había que acceder subindo 186 escalóns. Quen non era capaz de subir e caía polo esgotamento e non podía continuar era asasinado polos nazis. Meu pai logrou sobrevivir porque estaba afeito desde novo ao duro traballo do mar e da aldea, polo que tiña mellor resistencia física ca outros compañeiros».

Durante a súa intervención, lembrou tamén o reencontro co seu pai en Francia: «Pasamos máis de dez anos sen saber do meu pai, se estaba vivo ou morto. Cando chegaron noticias de que estaba vivo, lembro que todos en Cabo de Cruz se xuntaron e dicían: ‘Francisco está vivo, está vivo’. Cando miña nai máis eu nos reencontramos con el en Hendaya, eu non me lembraba del porque cando marchou eu era moi pequeno, pero recoñecino polas fotos que mirara. Ao velo, dicíalle á miña nai: ‘ese é papá, ese é papá’. Foi un momento emocionante no que todo foron choros, abrazos e bicos».

«Meu pai, se hoxe mirase o noso mundo, eu creo que diría que loitemos pola paz e non pola guerra. As guerras só traen desgrazas para todos, faga quen as faga»

Tamén explicou as fondas secuelas psicolóxicas que o horror nazi deixou no seu pai: «Meu pai soñaba cada noite co ruído das botas dos nazis. Non lle gustaba falar do tema». Paco relatou que foi coñecendo a verdadeira dimensión do vivido cando «os antigos compañeiros de meu pai, que eran amigos, viñan á nosa casa en París e compartían lembranzas daqueles anos, e aí fun dando conta do sufrimento que pasaron».

A charla rematou cunha mensaxe de enorme actualidade, na que Paco Pena afirmou: «Meu pai, se hoxe mirase o noso mundo, eu creo que diría que loitemos pola paz e non pola guerra. As guerras só traen desgrazas para todos, faga quen as faga».

Actividades como esta achegan aos máis novos testemuños reais como o de Francisco Pena e supoñen unha oportunidade única para comprender o sufrimento vivido por milleiros de persoas nos campos de concentración nazis. Desde o Colexio Carmelitas de Vigo consideran imprescindible manter viva a memoria histórica, xa que só a través da educación e da memoria poderanse formar cidadáns críticos, responsables e comprometidos coa construción dunha sociedade máis xusta, solidaria e que loite pola paz.

Tracking Pixel Contents