Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Paraixal Chefs», a actividade do CEIP Paraixal na que os cativos cociñan para os seus compañeiros

No centro, ubicado no barrio vigués de Teis, están a desenvolver a segunda edición desta iniciativa, que se celebra cada semana e coa que o alumnado traballa dende as mates ata a autonomía persoal a través da cociña

Alumnado do CEIP Plurilingüe Paraixal cociñando.

Alumnado do CEIP Plurilingüe Paraixal cociñando. / FdV

Unha vez por semana, os corredores do CEIP Plurilingüe Paraixal énchense de arrecendos. O aroma da comida caseira comeza a chegar ata as aulas para anunciar unha boa nova: hoxe é día de «Paraixal Chefs»! Ao igual que no famoso concurso televisivo, aínda que sen competición de por medio, os nenos e nenas pasan pola cociña do colexio para preparar unha deliciosa receita que degustarán o resto dos seus compañeiros.

É o segundo ano que se leva a cabo esta actividade, como conta Dolores Danoz, directora do centro: «É un proxecto de innovación educativa que nos concederon hai dous anos e, nun inicio, estaba enfocado a traballar as matemáticas a través da cociña. Así que decidimos instalar tal cal unha cociña nunha aula extra de Infantil que tiñamos no cole». As familias axudaron con toda a instalación eléctrica e de auga quente para que fose unha cociña totalmente funcional.

Coas mans na masa

O colexio, situado no barrio de Teis, en Vigo, conta cuns 50 alumnos desde a etapa de Infantil —onde son grupos mixtos de idades— ata a de Primaria, o que facilita a posta en marcha dunha iniciativa así.

En plena faena na cociña do Paraixal!

En plena faena na cociña do Paraixal! / fdv

Un curso cociña para o resto da escola unha vez á semana. «Como somos catro clases, tócalles unha vez ao mes máis ou menos», explica Dolores. A sesión de cociña realízase á primeira hora da mañá, en compañía do titor ou titora da clase. Despois, os cociñeiros explican aos compañeiros cal é o menú do día e a súa elaboración. O paso final é o que máis lles gusta a todos: saborear os pratos!

Ademais, detalla a directora do Paraixal, o alumnado tamén participa en certas ocasións na compra dos ingredientes. A semana pasada, xusto cando falabamos con ela, os pequenos de Infantil foron os encargados de ir ao súper coa profe, lista en man, para mercar todo o que precisaban os chefs.

O prato dese día era pasta á carbonara, xa que este curso están a traballar sobre diferentes países do mundo e este mes o protagonista é Italia. Por iso, en semanas anteriores prepararon deliciosas panacotas ou pizzas. Durante o Nadal tocou cociñar sobremesas típicas das festas e, no primeiro trimestre, estes pequenos chefs elaboraron receitas propias da gastronomía mexicana.

Aprendizaxe entre fogóns

Como diciamos, «Paraixal Chefs» naceu como unha ferramenta para traballar as matemáticas dun xeito diferente e práctico. Calcular as cantidades, fraccionar os ingredientes ou controlar os tempos son exercicios que poñen en funcionamento o pensamento matemático case sen decatarnos.

Cociña do colexio.

Cociña do colexio. / FdV

Con todo, esa non é a única competencia que se desenvolve a través da cociña. Por unha banda, trabállanse as habilidades motoras e a coordinación. Tamén aprenden sobre nutrición, como funcionan os alimentos e as súas preparacións. E que dicir da parte social, da lección de responsabilidade e autonomía que supón poñerse o mandil ou acudir a facer a compra ao supermercado, sen esquecer a importancia de traballar en equipo para conseguir levar a cabo con éxito as receitas.

«Aos nenos encántalles a actividade, sobre todo cando están en clase e comeza a ulir a comida... É como “e hoxe que toca? Que será?”. Eu diría que é o momento máis especial, mesmo máis que o propio momento da cociña», relata Dolores.

Tracking Pixel Contents