Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Lucía Mojón, escritora: «O público infantil é moi esixente e os autores temos unha grande responsabilidade»

A escritora Lucía Mojón (Vigo, 1987) presentará durante estes meses o seu novo libro, «Biscoito de castañas», ao alumnado de Faro da Escola; unha historia sobre o valor dos momentos compartidos

Lucía Mojón.

Lucía Mojón. / Cedida

Vigo

Aínda que a súa formación está ligada ao mundo da educación, Lucía Mojón (Vigo, 1987) atopou na literatura infantil un espazo natural no que unir vocación e creatividade. Mestra de Educación Primaria e rodeada de libros desde nena, nos últimos anos a escrita foi collendo cada vez máis peso na súa vida, influída tamén pola maternidade.

Estreouse como autora en 2020 e, desde entón, publicou varios títulos dirixidos ao público máis novo. A súa nova obra, «Biscoito de castañas», publicada por Xerais, celebra o valor dos momentos compartidos a través dunha historia tan divertida como entrañable.

Desde pequena, sempre tivestes claro que querías escribir ou foi algo que xurdiu co paso do tempo?

Sempre me gustou moito escribir, desde ben pequena, pero nunca pensei que algunha das miñas historias puidera ser publicada polo que agora estou desfrutando moito de esta posibilidade que teño e que me fai realmente feliz.

E no caso da literatura infantil e xuvenil, soubeches desde o inicio que ese ía ser o teu público ou chegaches a el de maneira natural?

A miña relación coa literatura infantil ven de lonxe xa que, ademais de que é unha literatura que me gusta moito, polo meu traballo como mestra sempre estiven ligada a ela posto que a lectura é primordial para a aprendizaxe do alumnado en todos os aspectos. Esta ligazón aumentou desde que son nai e a cantidade de libros de literatura infantil que entran na nosa casa viuse incrementada con creces. Por isto, penso que dirixirme á infancia nas miñas historias é algo que me resulta natural ao ter a sorte de estar todo o día rodeada deles.

O feito de traballar no ámbito educativo inflúe na túa forma de contar historias para a infancia? En que aspectos o notas máis?

Penso que inflúe porque, como dicía antes, ao poder estar rodeada de nenos e nenas todo o día coñezo os seus gustos, as súas inquedanzas, o seu sentido do humor… e ao final penso que é máis doado poder conectar con eles. O público infantil é moi esixente e os autores e autoras que escribimos para a infancia temos unha grande responsabilidade.

Que foi o detonante para escribir Biscoito de castañas? A historia nace dunha vivencia real, dunha lembranza, ou xurdiu primeiro como unha idea ou imaxe á que logo fuches dando forma?

A historia nace dunha vivencia real, si, dun paseo ao souto próximo á nosa aldea xunto a unha das bisas da miña filla para coller castañas. Despois, plantamos algunha desas castañas coa esperanza de poder ter o noso castiñeiro (tivemos éxito e agora temos dous!) e para isto tivemos a axuda doutra das bisas. Cando escribín a historia as dúas estaban con nós, pero no momento da publicación as dúas nos acompañan desde candansúa estrela, polo que este libro vai adicado para elas.

Como foi o proceso de creación do libro, desde a primeira idea ata velo publicado?

Desde que o escribín ata a súa publicación pasaron moitos meses, o proceso de ilustración foi marabilloso porque a miña compañeira Lucía Barrios deu vida aos personaxes e á historia dun xeito que complementa á perfección a historia que se conta, mesturando humor, aventura e tenrura a partes iguai e poder velo publicado en Edicións Xerais é un soño feito realidade polo que estou feliz e agradecida.

En Biscoito de castañas falas da imaxinación, dos momentos compartidos e da sabedoría das persoas maiores. Por que che parecía importante reivindicar estes valores nun libro infantil hoxe en día?

Penso que na sociedade actual na que vivimos, na que parece que todo ten que ser inmediato, na que as tecnoloxías secuestran a imaxinación da infancia e na que todo está a golpe de click, é importante pararnos a reflexionar e darlle importancia ao importante (valla a redundancia): a compartir tempo cos nosos seres queridos (familiares, amizades, na escola…), a deixar voar a nosa imaxinación lonxe das pantallas e, sobre todo, a valorar e respectar a sabedoría e a compañía dos nosos maiores.

Que che gustaría que se leven os nenos e nenas cando len este libro?

A idea principal da historia é que os lectores e lectoras se divirtan vivindo cos personaxes a súa aventura ata a Cova da Pena Grande, pero tamén me parece importante que a lectura lles lembre que é fundamental manter momentos de xogo na natureza, valorar e fomentar o poder da imaxinación e desfrutar de estar cos nosos.

Como é para ti ver como reaccionan os nenos e nenas cando lles les unha historia túa?

Encántame compartir as miñas historias coa rapazada e facer que participen activamente no seu desenvolvemento con onomatopeas, xestos, cancións… Ver os seus sorrisos, as súas caras de emoción, eses ollos ben abertos polo asombro cando van descubrindo o que sucede realmente e, sobre todo, a atención que prestan cando lles estou contando as historias é algo realmente máxico e síntome moi afortunada de poder compartir ese momento con eles e elas. A lectura sempre une corazóns, por iso son tan importantes os momentos de lectura compartida nas casas coas familias e tamén nas aulas.

Nos vindeiros meses presentarás o libro en distintos colexios a través de Faro da Escola. Como afrontas estes encontros co alumnado? Que é o que máis che gusta deles?

Encontrarme co alumnado é algo que me enche de ilusión. Os nenos e nenas son marabillosos e poder compartir tempo con eles e elas para que me conten as súas impresións, as súas ocorrencias e as súas dúbidas tras contar o conto coa súa axuda e cantar a canción para facer o camiño de ida e volta á Cova da Pena Grande todos xuntos é un momento moi especial. Estes encontros fan que a historia estea viva e que se complete grazas aos seus comentarios, ás súas anécdotas cos biscoitos e ás actividades tan xeniais que fan relacionadas co libro grazas ao seu profesorado. Ver a ilusión coa que me reciben e coa que comparten comigo as súas experincias é fermoso. Ao rematar cada encontro marcho co corazón ben contento.

Tracking Pixel Contents