Eva Mejuto, escritora: «O humor é unha forma intelixente e sá de mirar o mundo»
A escritora Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975) presentará durante estes meses o seu novo libro, «Queco e Kika», ao alumnado de Faro da Escola; unha historia sobre diversidade e amor polos animais máis de actualidade que nunca

Eva Mejuto, escritora e xornalista. / Cedida
Aínda que estudou Xornalismo, Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975) atopou a súa gran paixón profesional no mundo editorial, onde traballou primeiro en Kalandraka e despois en OQO.
Nos últimos anos, a súa vida está adicada á literatura e á xestión cultural. Autora de diversas adaptacións de contos tradicionais, ten publicadas xa sendas novelas para público infantil e xuvenil, moitas baixo o selo de Xerais. A súa nova obra, Queco e Kika, conta a historia dunha familia que recibe a chegada dun novo membro peludiño disposto a revolucionalo todo.
Queco e Kika recibiu o VIII Premio Agustín Fernández Paz. Que significou para vostede este galardón?
Cun premio sempre é unha felicidade e un recoñecemento ao traballo, pero tamén hai que ser consciente de que os premios dependen de moitísimos condicionantes. Hai libros moi bos que non resultan premiados e outros que si, e iso non significa que uns sexan mellores ca outros. Dito isto, este premio fíxome unha ilusión especial porque eu coñecín persoalmente a Agustín Fernández Paz: coñecino, fun lectora súa e admiradora como persoa e como escritor.
Diría que é unha das voces que lle inspiraron a escribir este tipo de narrativa?
Non sei… seguramente de maneira inconsciente, si. Por exemplo, encantábame Noite de voraces sombras, ambientado na Illa de San Simón. Ese realismo social, esa literatura comprometida, sempre me gustou. Os meus referentes de infancia eran, por exemplo, Úrsula Wölfel, que tamén tira un pouco dese fío. Probablemente Agustín é un referente máis entre outros, pero si: a súa escrita e o seu compromiso con certas temáticas foron un torreiro.
Hai algunha obra en concreto que marcara a súa infancia?
Cando Hitler roubou o coello rosa, de Judith Kerr. É a historia dunha rapaza durante a Segunda Guerra Mundial. A min impactoume profundamente esa maneira de contar a historia desde a infancia, combinando aspectos máis duros con outros máis cotiáns. Ese libro indicoume, dun xeito intuitivo, que a min me gustaría escribir.
Sempre soubo que quería escribir para público xuvenil?
Para nada. A min gustábame ler, pero non conectaba con profesionais artísticas. Tiven a oportunidade de traballar no sector editorial ao rematar a carreira, e descubrín que ese era o meu lugar. A escrita veu despois, facendo adaptacións de contos tradicionais, case como un divertimento. Foi xa a partir dos 40 cando decidín tomar en serio a escritura e dedicarme de maneira constante á literatura. A partir de aí comezaron a brotar todas esas historias que tiña gardadas. Penso que todas as escritoras e escritores teñen que ser antes lectoras: é o camiño natural. Alimentámonos das historias que lemos, das que escoitamos, das que vivimos.
«Creo que é importante que a literatura represente estas realidades sen necesidade de convertelas sempre no centro do conflito»
Esta historia, «Queco e Kika», está narrada desde o punto de vista dos cans. Como foi o proceso de escribir desde a perspectiva dun animal?
Pois en realidade foi do máis natural, porque na miña casa convivimos con animais, e estes dous cans protagonistas están inspirados nos dous cans que forman parte da nosa familia. Chegaron por circunstancias moi distintas, teñen personalidades moi diferentes e vivín con eles situacións moi curiosas. Observándoos día a día fun imaxinando como pensaban, que sentirían… Ese contraste entre unha cadeliña pequena, abandonada, e un can que xa vivía connosco foi moi inspirador. Meterme na súa cabeza para narrar foi un exercicio literario divertidísimo.
O humor tamén está moi presente no libro. Que lle interesa de contar historias desde o humor?
Creo que o humor é un recurso marabilloso para captar a atención, sobre todo do público máis novo. Pero tamén é unha actitude ante a vida: é unha forma intelixente e sá de mirar o mundo. O humor permite apelar á emoción e á intelixencia. Non falo dun humor simplón, senón dun humor con intención. A través del pódense contar moitas historias e profundizar en temas importantes. E ademais a literatura tamén debe servir para pasalo ben, para divertirse mentres se aprende. Neste libro falo de temas como a diversidade, a vivenda, a homofobia, o abandono animal…
É interesante que, neste caso, mostra unha familia diversa sen convertir ese feito no centro do relato.
En Queco e Kika vemos unha parella de dúas rapazas que viven xuntas e son simplemente iso, as coidadoras dos cans. Non hai conflito nin dramatización, é unha realidade naturalizada e cotiá. Creo que é importante que a literatura represente estas realidades sen necesidade de convertelas sempre no centro do conflito.
Nos próximos meses estará presentando o libro nos colexios a través de Faro da Escola. Apetéceselle?
Moitísimo! O público de primaria é súper estimulante: sinceros, curiosos, directos. Desfruto moito falando con eles e aprendendo da súa visión. Como non teñen filtro, din exactamente o que pensan, e iso é un exercicio de humildade para calquera autora.
- Guardias civiles expertos en ciberdelitos: «Vemos a jóvenes gallegos que, por 100 euros, abren cuentas bancarias destinadas a dinero estafado»
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Mueren una mujer de 51 años en un accidente de tráfico en Muíños y su marido tras recibir la noticia
- El ministerio niega la entrada a puerto al buque arrastrero «Novaya Zemlya»
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- «Tuve que renunciar a mucho y adaptar mi vida para conseguir ser jueza»
- El buque «Novaya Zemlya» descargará en Cuba tras el veto a hacerlo en España
- Cae un balcón de un tercer piso en la plaza de Compostela, junto al mercadillo de Navidad: «Pudo haber sido una desgracia»