Novidades en literatura infantil e xuvenil para pasar o outono entre follas (de libros)
Xéneros diversos e historias emocionantes para pasalo en grande os días de choiva

Algunhas das obras recién chegadas ás librarías e bibliotecas. / FdV
Para os amantes da literatura, nestes meses mestúranse dous sentimentos: a ledicia pola chegada ás tendas dunha morea de novos títulos e a rabia por non poder mercalos todos, ben sexa por falta de espazo na casa ou polo que supón para o seu peto. Por sorte existen as bibliotecas, tanto as dos concellos coma as dos centros educativos, para dar servizo aos ávidos lectores.
A «reentré» literaria tivo gran forza esta tempada para as letras galegas, especialmente para os máis cativos. O catálogo de literatura infantil e xuvenil medrou este outono con propostas para todos os gustos e unha gran variedade tanto de xéneros coma de historias. Tomade nota!
Novelas apaixoantes
No apartado da novela, o xénero literario que adoita ter máis protagonismo entre o público, en Xerais atopamos diferentes novidades para a rapazada. Por exemplo, a obra gañadora do XL Premio Merlín 2025, Erin e o lobo, de Érica Esmorís e ilustrada por Blanca Millán. Recomendada para lectores a partir dos 11 anos, conta a historia de Erin, unha nena que vive illada cos seus pais no bosque pero que espertará un feitizo un día, ao ler en voz alta un vello libro.
A historia de Brava Panadeira, de Alicia Borrás e ilustrado por Blanca Vila, foi outro dos títulos que aterraron en outubro na editorial, dentro da colección Sopa de Libros. Unha divertida novela sobre a adopción dunha cadela que pon patas arriba a familia de Lira, Alba e Xullo. É para nenos e nenas a partir de 10 anos.
Desta mesma editorial, para rapaces algo máis maiores, esta tempada chegou O corvo sobre a neve, de Andrea Maceiras, novela premiada no XVII certame Jules Verne de Literatura Xuvenil. O seu protagonista, Dyras, sabe que a súa familia agocha un segredo e debe emprender unha fuxida cando desaparecen a súa nai e o seu irmán pequeno. Os lectores non poderán despegar o nariz das súas follas.
Por último, a viguesa An Alfaya asina o libro Irracionais, publicado pola Editorial Galaxia e que foi finalista do Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil 2025. A súa trama convida aos adolescentes a reflexionar sobre «o respecto á diversidade fronte á intransixencia de quen rexeita as distintas identidades».
Teatro baseado nun caso real
A editorial Galaxia tamén acolleu nesta «reentré» unha peza teatral cuxo tema está máis de actualidade que nunca, o acoso escolar. O seu título é Os rapaces só se tocan para darse de hostias e está escrita por Iván Caloto, que recibiu por ela o premio Roberto Vidal Bolaño 2025.
A obra está inspirada nun caso real acontecido nun instituto de Vigo no ano 2024, aínda que os feitos foron tinguidos de ficción, e deixa grandes leccións, como que calquera persoa pode ser vítima ou agresora en función das súas circunstancias.
Historias gráficas
E non podía quedar fóra a banda deseñada e o libro ilustrado, que tan ben conectan á mocidade coa lectura.
Neste caso, Xerais publica novidades coma o volume cinco da famosa saga Heartstopper, de Alice Oseman (traducido ao galego por Ne Barros), para adolescentes;o divertido cómic Lela a superavoa, de Xosé Tomás;e a Guía dos seres fantásticos que viven en Galicia sen que talvez o saibas, de Anaír Rodríguez e David Rodríguez, un libro sobre mitoloxía galega que sorprenderá tamén aos adultos.
- La plaga británica de pulpos entra en la campaña navideña del sector pesquero
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- «No solo me arrancaron la pierna, me arrancaron la vida»
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- La parcela de la antigua estación de bus de Vigo será un espacio de encuentro social
- Adiós a un clásico de Samil: Vigo rechaza prorrogar la concesión de la cafetería Di San Remo