Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cabazas, contos e monstros dan vida ao Samaín no Colexio San Rafael

O alumnado participa en concursos, xogos e actividades organizadas dende a biblioteca para manter viva unha das festas máis emblemáticas de Galicia

Libros sobre o Samaín no  Colexio San Rafael.

Libros sobre o Samaín no Colexio San Rafael. / Cedida

Vigo

O Samaín é unha festa de orixe celta que se celebra en Galicia para dar a benvida ao inverno e lembrar ás persoas que xa non están con nós. É unha tradición moi antiga, que co paso do tempo inspirou o Halloween moderno, pero que conserva aquí un sabor propio, cheo de simbolismo e cultura popular.

No Colexio San Rafael, o Samaín vívese con moita ilusión. Coordinado por Alba Bernárdez e Sabela González dende a biblioteca, todo o profesorado participa nas diferentes propostas organizadas para o alumnado.

Segundo explica Alba Bernárdez, moitos nenos e nenas viven esta celebración con sentimentos moi variados: algúns senten medo ao principio, pero, a medida que comezan a debuxar ou a inventar historias, acaban rindo e emocionándose moito. «Os máis maiores esfórzanse especialmente —comenta—, e un deles mesmo vén á miña clase a preguntar se imos ler as historias para todos porque está preocupado de se os pequenos terán medo... máis riquiño!», di entre risas.

A docente destaca tamén que as festas e as preparacións previas son os días favoritos do alumnado, xa que lles permiten convivir e aprender dun xeito diferente. Explica que, aínda que a algúns lles custa estar todos xuntos, estas actividades axudan a superar medos e fomentan a socialización. Ademais, cada aula adapta o traballo ao seu nivel, buscando inspiración para escribir, planificando contos ou creando deseños de monstros, o que, segundo ela, «é o máis bonito deste tipo de propostas, porque podemos adaptarnos a todos os niveis».

Bernárdez valora tamén moi positivamente a implicación das familias. A participación no concurso de cabazas na casa é moi alta e, segundo conta, «hai moitas cabazas orixinais e traballadas, algunhas verdadeiras obras de arte».

O xoves celébrase a gran festa de Samaín, na que se dan a coñecer os gañadores dos concursos e se comparte a alegría de manter vivas as nosas tradicións.

O Colexio San Rafael convértese así nun espazo de encontro entre pasado e presente, onde o medo se transforma en creatividade e a memoria en aprendizaxe. E mentres o mundo se enche de cabazas e disfraces para celebrar o Halloween durante a fin de semana, no San Rafael queda o recordo dun Samaín cheo de emoción, cultura e convivencia.

Tracking Pixel Contents