Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Club de Xornalistas volve á acción

O novo equipo de prensa do SEI San Narciso, formado por estudantes de diferentes cursos, pon en marcha a redacción escolar deste curso, continuando coa tradición xornalística do centro

Primera reunión do equipo  de prensa do SEi San  Narciso.

Primera reunión do equipo de prensa do SEi San Narciso. / FdV

Vigo

Cada martes, de tres a catro da tarde, a biblioteca de primaria do SEI San Narciso transfórmase nunha auténtica redacción xornalística: ordenadores acendidos, carpetas organizadas, bolígrafos en movemento e moitas ideas por compartir. Durante esa hora, a actividade e a curiosidade toman o mando, e o colexio énchese de pequenas voces con grandes historias que contar. O son dos teclados mestúrase co das conversas e risas, mentres os ‘mini xornalistas’ van e veñen buscando información, redactando titulares ou revisando o que escribiron os compañeiros.

O profesor Marcos Márquez, titor e mestre de Sociais e Naturais, coordina o grupo como se fose o director dun verdadeiro xornal: «Trátase dunha actividade extraescolar». Desde o primeiro día, anímaos a pensar como auténticos profesionais da comunicación: a observar o que pasa arredor, facer preguntas e transformar a curiosidade en novas. «A idea é que aprendan a contar o colexio dende dentro, coa súa mirada e coas súas palabras», explica. O seu papel non é o de corrixir ou dirixir, senón o de acompañar: guiar cando fai falta, pero sempre deixando que o protagonismo sexa do alumnado.

Redacción, radio e moita curiosidade

Nas primeiras reunións, os rapaces reparten temas e elixen o que máis lles motiva. Cada un leva a súa sección: deportes, humor, actualidade do colexio ou o proxecto O cole que queremos, centrado na vida e mellora do centro. Todo está pensado para que cada rapaz ou rapaza escolla o tema que máis lle «mole», tal e como di o seu profesor.

Este ano, o obxectivo vai un paso máis alá: combinar o xornal e a radio escolar para dar máis voz ao alumnado. «O ano pasado fixemos unha proba de facer unha especie de programa de radio curtinho, onde expresaban as súas inquedanzas sobre o equipo xornalístico», lembra Marcos. A experiencia gustou tanto que agora planean crear pequenas pezas de audio, entrevistas e crónicas faladas, para ampliar a maneira de comunicar o que pasa no centro.

«A esencia é deles. Nós guiamos, pero a redacción e as ideas son do alumnado»

Cada sesión comeza cunha pequena reunión de equipo: reparten tarefas, planifican entrevistas e comentan as novidades da semana. Ás veces montan os pupitres en círculo e discuten que temas son máis importantes ou quen se encargará de cada reportaxe. «Son como enviados especiais, porque adícanse a ir detrás dos profesores a darlles o ‘coñazo’ para pedir traballos ou información», di o mestre entre risas.

O club tamén conserva seccións xa clásicas, como a de humor, premiada o curso pasado por unha tira cómica, ou a de deportes, que este ano promete moita actividade. Ademais, preparan unha xornada fotográfica dentro do proxecto empresarial O cole que queremos, onde empregan cámaras antigas e modernas para retratar o día a día do colexio.

Aprender facendo xornalismo

No proceso, o alumnado aprende moito máis que a escribir. Melloran a expresión escrita, a organización, a creatividade e a autoconfianza, ademais de descubrir o valor da colaboración e da responsabilidade compartida. «A esencia é deles. Nós guiamos, pero a redacción e as ideas son do alumnado», destaca o profesor.

O ano pasado mesmo probaron novas ferramentas, como a intelixencia artificial, para crear ilustracións ou pequenos monicreques a partir das súas historias. «A descrición e a redacción facíanas eles; eu só vía o que facían», conta orgulloso Marcos.

Con bloc de notas e carné de prensa na man, os pequenos xornalistas seguen a demostrar que o espírito de curiosidade, creatividade e compañeirismo continúa vivo no SEI San Narciso.

Tracking Pixel Contents