Faro da Escola despídese da súa décima edición

A gala de premios de Faro da Escola clausurou o curso cun acto multitudinario no que se entregaron 30 galardóns a centros de toda a provincia, nunha celebración especial polos dez anos de xornalismo escolar

Entrega de premios da décima edición de Faro da Escola.

Entrega de premios da décima edición de Faro da Escola. / Marta G. Brea

G. Barreiro

Vigo

Faro da Escola puxo o broche final á décima edición deste proxecto que xa forma parte do ADN de moitos colexios galegos. O pasado 12 de xuño, o Pavillón de Deportes de Navia, en Vigo, encheuse de voces, risas, nervios e, sobre todo, moitísima emoción, ao reunir a 1.250 escolares de 38 centros educativos para celebrar o que foi un curso cheo de creatividade, xornalismo e traballo en equipo.

Un final por todo o alto

A cita congregou a escolares de 38 colexios como colofón a un traballo de seis meses elaborando o seu propio xornal co apoio do diario decano, FARO DE VIGO

A gala contou coa presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero; a tenente de alcalde Carmela Silva; a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez; así como representantes das empresas e institucións colaboradoras: Vitrasa, FCC, Vegalsa, CSIC e Xerais, ademais de FARO DE VIGO.

Gala de entrega de los premios de la X edición del concurso Faro da Escola, celebrada en el pabellón de Navia, en Vigo. El alcalde de Vigo, Abel Caballero; la vicepresidenta de la Diputación Provincial de Pontevedra, Luisa Sánchez: la primera teniente de alcalde, Carmela Silva; la concejala de Educación, Olga Alonso, y los directivos del periódico Faro de Vigo Rogelio Garrido (director), Pedro Costa (gerente y director de Prensa Ibérica en Galicia ) y Jose Carneiro, subdirector, posan entre alumnos y profesores.

Gala de entrega de los premios de la X edición del concurso Faro da Escola, celebrada en el pabellón de Navia, en Vigo. / Marta G. Brea

Tamén se entregaron os exemplares dos xornais escolares de cada centro aos asistentes. En total, nesta edición imprimíronse máis de 25.000 unidades, o que evidencia o éxito dunha iniciativa na que 40 centros lograron chegar ata o final, convertendo as súas aulas en auténticas redaccións.

Os colexios participantes entregaron uns xornais que deixan sen alento: orixinais, valentes, divertidos, comprometidos. Houbo de todo: dende como sería a cidade do futuro ata que levar na mochila se se vai a luz, pasando por reportaxes sobre o acoso escolar, entrevistas con autores e personaxes públicos, viñetas que fixeron rir e artigos que fixeron pensar.

Tamén houbo tempo para contar o día a día dos coles: excursións, obradoiros, celebracións, festas, proxectos solidarios... porque ao final, o xornalismo escolar tamén é iso: contar o que se é e o que se vive, e compartilo cos demais.

Chuvia de galardóns

Na festa final entregáronse 30 premios por categorías —mellor portada, humor, tecnoloxía, pasatempos, publicidade, entrevista…— que recoñeceron o talento e esforzo de todos os participantes. Pero o mellor premio xa estaba nas mans dos pequenos e pequenas xornalistas: os seus xornais. Eses que naceron como garabatos nun caderno ou nun cartafol de Drive e acabaron convertidos en publicacións das que sentirse moi orgullosos.

Sen dúbida, os grandes protagonistas foron os alumnos da Aula Hospitalaria Cunqueiro, que acadaron o primeiro premio ao mellor xornal. O segundo lugar foi para o Colexio Neno Xesús de Praga, e o terceiro para o CEIP de Laredo

Ademais, a Aula Hospitalaria Cunqueiro —dirixida a escolares hospitalizados no hospital vigués ou con atención médica no fogar— conseguiu tamén o segundo premio especial da Deputación de Pontevedra, o primeiro premio á mellor sección de pasatempos, o segundo á mellor fotografía e o segundo ao mellor suplemento.

Dez anos de historias contadas dende as aulas

Este ano tivo un carácter especial: celebráronse dez anos de Faro da Escola . Dez cursos consecutivos de tinta, de portadas sorprendentes, de profesorado comprometido e de alumnado que foi atopando o seu lugar no mundo do xornalismo escolar.

O agradecemento esténdese a todos os que formaron parte deste camiño: desde os cinco centros que participaron en todas as edicións —auténtica memoria viva do proxecto— ata os que se estrearon este ano e xa pensan na seguinte. Tamén a quen, aínda que non chegou a entregar o seu xornal, puxo todo o seu empeño. Este recoñecemento é tamén para eles.

Faro da Escola consolídase como un proxecto ilusionante que medra ano tras ano. Xa se agarda con entusiasmo a chegada da XI edición, que traerá novas ideas, máis historias e, por suposto, novos xornais.

Agora é momento de facer unha pausa, pero non sen antes agradecer profundamente a todos os que seguen confiando no poder das palabras. Feliz verán e ata o vindeiro curso!

Tracking Pixel Contents