TERCEIRO PREMIO AO MELLOR DIARIO

Unha ferramenta imprescindible para aprender facendo

O CEIP Laredo gañou o terceiro premio ao mellor diario

Abel Caballero e Rogelio Garrido cos gañadores do premio ao mellor diario: Aula del Cunqueiro, Niño Jesús de Praga y CEIP de Laredo.

Abel Caballero e Rogelio Garrido cos gañadores do premio ao mellor diario: Aula del Cunqueiro, Niño Jesús de Praga y CEIP de Laredo. / Marta G. Brea

Abraham Domínguez

Que rápido pasa o tempo! Parece mentira que xa pasasen dez anos dende que o CEIP de Laredo se sumou á aventura de «Faro da Escola», o periódico educativo referente e xa decano de Galicia. Unha década enteira vendo como as nosas aulas se convertían en auténticas redaccións, cheas de xornalistas en miniatura con ideas xeniais e moitas ganas de contalas. Foi unha viaxe incrible, e hoxe toca celebralo por todo o alto.

Queremos dar un millón de grazas a Sonia, a nosa coordinadora. Sen ela, este proxecto non sería o que é. A súa enerxía, o seu estado sempre “online” e o seu pulo fan posible que cada ano, ducias de nenos e nenas do noso centro descubran o emocionante que é facer un xornal. E, por suposto, a toda o “staff” do Faro de Vigo. Non só nos abren as portas da súa casa cada ano, senón que creron dende o inicio do proxecto nos nosos rapaces, apoiando a educación periodística e a curiosidade dos máis novos. Grazas en negro sobre branco!

É impresionante ver como souberon plasmar nas súas noticias a realidade que lles tocaba vivir, cunha mirada fresca e moi súa. Demóstrannos cada día que son capaces de entender o mundo e contalo ao seu xeito

Nestes dez anos, o mundo deu moitas voltas, verdade? Vivimos de todo: dende pandemias que nos cambiaron a vida ata avances tecnolóxicos que nos deixaron coa boca aberta como na actualidade a IA. E os nosos pequenos xornalistas estiveron aí, contando como todo isto afectaba ao seu arredor. É impresionante ver como souberon plasmar nas súas noticias a realidade que lles tocaba vivir, cunha mirada fresca e moi súa. Demóstrannos cada día que son capaces de entender o mundo e contalo ao seu xeito.

Integrar o xornal no día a día do cole foi un acerto total. Os rapaces non só melloran escribindo, senón que tamén aprenden a pensar criticamente, a investigar, a traballar en equipo e a ser responsables coa información. Saber onde buscar datos, como contrastalos e como presentar as súas ideas de forma clara son habilidades que lles servirán para todo na vida. O xornal educativo, o FARO DA ESCOLA, converteuse nunha ferramenta indispensable no noso centro para “aprender facendo”.

E nesta traxectoria, non podemos esquecer a figura de Manuel Bragado, o noso benquerido Manuel Bragado, a nosa “Brétema” xornalista. A súa experiencia como profesor editor, escritor, columnista e ser humano foi un agasallo para todo o centro.

Manuel soubo e sabe (actualmente colaborador honorífico no centro) transmitirlles aos rapaces a verdadeira esencia do xornalismo, esa chispa que converte unha historia en algo que todo o mundo quere ler. A súa visión enriquece moitísimo o proxecto e deixa unha pegada imperecedoira na forma en que entendemos o xornalismo na escola, no noso centro e na nosa biblioteca (ten o seu nome).

FARO da Escola cumpre 10 anos como proxecto escolar.

Pedro Fernández

Miramos ao futuro cun sorriso, coa certeza de que este proxecto seguirá formando a nenos e nenas curiosos, críticos e con ganas de cambiar as cousas. Como alguén dixo unha vez, «a mellor forma de predicir o futuro é crealo».

Así que, Faro da Escola, a por outros dez anos máis de historias, confidencias, ledicias e moitas noticias!

Tracking Pixel Contents