PREMIO Á MELLOR PORTADA

O noso Faro como espazo de aprendizaxe, debate e comunicación

O CEIP Chans de Bembrive levou o premio á mellor portada

Luisa Sánchez e Rogelio Garrido cos gañadores do premio á mellor portada: Chans de Bembrive, Bouza Brey y CEIP de Laredo.

Luisa Sánchez e Rogelio Garrido cos gañadores do premio á mellor portada: Chans de Bembrive, Bouza Brey y CEIP de Laredo. / Marta G. Brea

A portada do noso periódico non é só unha imaxe ou un título chamativo; é a carta de presentación que recolle o traballo de toda unha comunidade educativa. Este ano, máis que nunca, representa unha década de compromiso co xornalismo escolar, dando visibilidade ás noticias que realmente importan para a escola.

Queremos destacar como noticia de portada os nosos dez anos de periodismo, xa que desde os nosos inicios, o noso Faro da Escola foi un espazo de aprendizaxe, debate e comunicación. En todo este tempo esforzámonos por relatar os acontecementos máis relevantes e así conseguir que as voces do alumnado tivesen visibilidade. Máis aló do acto de redactar as novas, tamén destacamos o papel fundamental da lectura, pois “o noso faro” non só cobra sentido a través do traballo de cada grupo, senón tamén do entusiasmo dos estudantes ao descubrir e compartir as noticias dos seus compañeiros e compañeiras.

“O noso faro” non só cobra sentido a través do traballo de cada grupo, senón tamén do entusiasmo dos estudantes

En cada edición, o Proxecto de centro ocupa un papel fundamental, pois serve de eixo sobre o que se articulan as actividades clave ao longo do curso escolar. Este ano, Chans nas Ondas representa unha iniciativa enfocada na comunicación oral, promovendo diferentes formas de expresión que contribúen ao desenvolvemento da competencia lingüística do alumnado. Para culminar o proxecto, levamos a cabo a creación de audiocontos e podcast de variadas temáticas, ofrecendo un espazo de exploración e aprendizaxe a través da expresión oral.

Seguindo o fío condutor do noso proxecto Chans nas Ondas, no que destacamos a importancia da voz como ferramenta esencial na comunicación, quixemos ampliar esta reflexión ás Letras Galegas. Esta celebración anual é un tributo ás voces que mantiveron viva a nosa historia e identidade.

As cantareiras, a través das voces, transmitiron emocións e mantiveron vivas as nosas raíces ao longo do tempo. Do mesmo xeito que a radio escolar permite ao alumnado expresarse, a voz destas mulleres serviu para compartir historias e reforzar a identidade cultural.

Non poderiamos pechar esta edición sen destacar como un acontecemento inesperado pode cambiar o enfoque dunha edición, e iso sucedeu co apagón do 28 de abril. A nosa portada dedicou un espazo a este suceso, demostrando a capacidade do xornal para adaptarse á actualidade e manter aos lectores informados sobre feitos relevantes.

FARO da Escola cumpre 10 anos como proxecto escolar.

Pedro Fernández

Así, a portada do noso periódico é moito máis que un simple deseño. É a síntese dun curso escolar que aposta pola información, a cultura e a voz do alumnado. Un reflexo do noso presente que, ao mesmo tempo, mira cara ao futuro.

Tracking Pixel Contents