O 11 de Febreiro non é un día calquera, é o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha cita fundamental no calendario que nos permite seguir abrindo novos camiños e nos anima a recordar a todas as nenas de todas as partes do mundo que, por suposto, “a ciencia si é cousa de mulleres”; que cada unha, e cada un, “pode ser o que queira ser”; e que todos, independentemente do noso xénero, temos dereito a perseguir os nosos soños.
E que mellor xeito de facelo que con referentes que nos amosan como, máis alá da pantalla, existen miles de mulleres de carne e oso listas, decididas e enérxicas que nada teñen que envexar a Sara, unha das nosas protagonistas favoritas de Tadeo Jones.
Coma ela, Sirio Canós Donnay e Andrea Rodríguez Antón tamén se adican a arqueoloxía. A primeira é especialista en estados pre-coloniais de África, mentres que a segunda aplica a súa formación en astrofísica á arqueoastronomía. Ambas foron as protagonistas da actividade organizada polo CSIC en colaboración co Faro de Vigo para conmemorar o 11F cos coles da provincia este pasado venres.
Deste xeito, centos de estudantes de Infantil e Primaria tiveron o luxo de coñecer de primeira man o labor no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT- CSIC) de dous referentes do talle de Canós e Rodríguez nunha charla moderada por Yolanda Seoane, máster en Xestión arqueolóxica do patrimonio cultural, e que puido seguirse tanto a través de Zoom como de Youtube.
Unha cita na que as cativas e os cativos achegáronse ao rol da muller na arqueoloxía, que “non é nin moito menos unha cousa nova dos nosos tempos” xa que “as mulleres teñen estado escavando e traballando por esta ciencia ao redor do mundo desde o seus principios”, tal e como quixo reivindicar Sirio Canós nunha intervención na que tamén explicou aos estudantes o seu traballo coma “detectives das historias” nos lugares máis insospeitados, desde o templos dos Faraóns ata os cordóns dun zapato porque, ás veces, dixo, “son as cousas máis sinxelas as que máis historias contan”.
“Se queredes ser arqueólogas e arqueólogos, mantede o interese porque nesta profesión hai moitas vías, e é un traballo moi bonito e moi divertido”
Chegada a quenda de preguntas, con bo tino e moita intuición, unha alumna do C.P.R. Niño Jesús de Praga deu nunha das grandes chaves da arqueoloxía: ¿Pero como facedes para que non se vos rompan as cousas?, plantexou con sinceira curiosidade ante o sorriso de Sirio: “Pois con moitísimo coidado. Unha cousa que temos que aprender é a saber que ferramentas empregar en cada momento. Require moita paciencia e hai que preparar fotos e debuxos de todo por se acaso algo se rompe”, dixo para despedirse: “Se queredes ser arqueólogas e arqueólogos, mantede o interese porque nesta profesión hai moitas vías, e é un traballo moi bonito e moi divertido”.
O que nos contan as estrelas
“Para ser científica o primeiro é estudar e ter ganas de aportar cousas distintas"
¿Sabedes que fai miles de anos, as persoas observaban o ceo moito máis que agora, que convivían coas estrelas, a lúa e os cambios do sol, que moitas civilizacións buscaban localizacións específicas para estar máis cerca dos astros ou festexar ritos na súa honra? A partir da astronomía, podemos descubrir moita nova información sobre as costumes e rituais das culturas da Antigüedade. E iso é precisamente ao que se adica Andrea Rodríguez Antón, a segunda das poñentes da gran cita co 11 de Febreiro, que levou as cativas a través dunha viaxe apaixonante: “Para ser científica o primeiro é estudar e ter ganas de aportar cousas distintas. Se tes interese e ganas, por ai atoparás o teu Camiño”, expresou Rodríguez, así que...: xa sabedes, o único que precisades para empezar é “motivación e ganas de descubrir e de explorar; de averiguar cousas”.