Hoxe, 3 de maio, é o Día Mundial da Liberdade de prensa e a Liberdade de Expresión. Unha data que calquera xornalista ten marcada como unha reivindicación da súa profesión. E como tal, os rapaces e rapazas de Faro da Escola tamén a teñen moi en conta. Pero, se tiveses que definir “a liberdade de expresión" dende un punto de vista xornalístico, como o farías? 

Que significa ter “liberdade de expresión”?

Despois dun curso traballando nos seus propios xornais, os estudantes que participan no proxecto de Faro da Escola teñen moi clara a importancia de informar sobre o que de verdade interesa, sen verse limitados por ninguén. Por iso, achegámonos a preguntarlles que é iso da liberdade de expresión, para que o describan dende a experiencia, e coas súas propias palabras.

Os alumnos e alumnas de quinto de primaria do CEIP da Cruz Budiño, que veñen, ademais, de facer reportaxes e entrevistas a estrelas da música internacional, como Salvador Sobral, expican a súa perspectiva.

Anxo e Laura teñen ideas moi parecidas, e contan que para eles “a liberdade de expresión é falar e compartir as túas palabras sen ningún límite”.  E Noa e Dani engaden un detalle moi importante ás declaracións dos seus compañeiros: “Para min, a liberdade de expresión é poder dicir o que queiras sen ter consecuencias”.

Se non nos expresamos, teremos que facer sempre o que o outro decida CEIP de Rubiáns

Que significa ter “liberdade de prensa”?

Tamén quixemos coñecer o importante que este día para os estudantes do García Barbón, que nos explican, moi solemnemente, a nova perspectiva que teñen sobre o tema despois de traballar escribindo artigos:

 “A liberdade de prensa é fundamental para coñecer obxectivamente o que pasa no mundo. Todos e todas temos dereito a expresarnos a través dos medios que consideremos oportunos. Cando elaboramos o contido dos artigos para o Faro da Escola, démonos conta do que significa poder ter diferentes opinións a hora de elaborar as noticias. Estar dacordo ou non, debater sobre un tema... pode dar lugar a novas ideas e diferentes puntos de vista. Nós, os alumnos do CEIP García Barbón, cremos na liberdade de prensa e non na censura.”

Yaiza e Jorge, de quinto curso do CEIP de Rubiáns, van máis aló, e comentan a importancia de informar sen que ningún outro poder a controle: “Se a prensa quere informar de que hai guerra, contar as formas de marchar e a realidade do que pasa, e un dictador non o permite e os meten na cárcere por dar a súa opinión, é moi inxusto”.

E rematan afirmando: “ten que haber liberdade, porque se non nos expresamos teremos que facer sempre o que outro decida”

Como ben apuntan todos os estudantes, grazas a liberdade de prensa, recoñecida neste día pola UNESCO, os xornalistas poden informar sen consecuencias, do mesmo xeito que os colexios participantes no proxecto Faro da Escola escolleron con liberdade os seus temas favoritos.