En primaria hai nenas e nenos desde 6 anos ata 12. A competencia lectora nese rango é moi diversa. Resulta imposible dar unha resposta concreta. Eu son pouco ou nada partidaria das imposicións. Creo máis na sedución, na conquista do lectorado. Como se logra iso? Adaptándonos ao alumnado, ofrecéndolles opcións en función do seu ritmo lector, da súa competencia, da súa autonomía. Hai nenas e nenos que poden devorar varios libros nunha semana e outros aos que lles pode resultar verdadeiramente difícil asumir a lectura dunha obra ao mes, ou mesmo ao trimestre. Creo que é unha experiencia magnífica a de compartir lecturas de aula. Acompañalos con cada historia facendo lectura de grupo. Seguro que vai haber alumnado que demande máis. Para aqueles leóns, leoas, devoradores de libros, sería estupendo ter unha biblioteca viva, chea de recomendacións e libros accesibles. Aí nacen os clubs de lectura, que son auténticos oasis. E que facer coa rapazada que presenta algunha reticencia á hora de achegarse a un libro? Darlle a escoller pode ser unha boa solución. Presentarlles unha oferta de lecturas que poidan ser atractivas, mais que sexan eles quen tomen a decisión final. Talvez así entren con bo pé. O importante é que vexan na lectura un momento feliz, unha aventura única e irrepetible. Velaí onde nace a paixón polos libros. Esa emoción única.

- Ledicia Costas, escritora