Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

OPINIÓN

Que teñades un aburrido verán

Rapazada de campamento, nunha imaxe de arquivo.

Rapazada de campamento, nunha imaxe de arquivo. / ENVATO/TATEVOSIAN YANA

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A. Chao

A. Chao

Adeus a outro curso. Ola aos malabares das familias para conciliar segundo as posibilidades de cada fogar. Ludotecas, campamentos, avós, piscinas, viaxes… Abofé que o longo -e merecido- descanso estival das crianzas require certa planificación para que todos sobrevivamos a estes case tres meses que temos por diante.

A realidade amosa dúas caras da moeda. Unha que nos espeta contra a crueza da infancia vulnerable. Como contabamos hai apenas unhas semanas, a organización Educo estima que uns 120.000 menores de entre 6 e 10 anos quedarán sós na casa este verán, sen a supervisión e, tan importante ou máis, sen a compañía dunha persoa adulta. Con moita probabilidade, unha pantalla será o input principal que reciba.

Esta circunstancia non fai máis que evidenciar a inxusta desigualdade á que se enfrontan ducias de miles de cativos e cativas no noso país. Pero, máis aló desta durísima radiografía froito da precariedade de tantos fogares, existe unha tendencia nas familias a temerlle ao aburrimento dos nenos e nenas.

Días atrás tiña a posibilidade de conversar con Miguel Lois, psicopedagogo, investigador e docente, sobre esta cuestión. Convidábame a reflexionar sobre como ás veces nos empeñamos en converter a vida dos nosos fillos e fillas nunha sucesión de sorpresas, sobre a importancia de medir as expectativas. E, mentres el me falaba, eu viaxaba trinta anos atrás, e víame botándolle unha partida ao desconfío co meu avó -a enésima do verán-, antes de que el tivese que saír traballar á viña. A min, en máis dunha ocasión, tocábame acompañalo a entreterme co que atopaba. Noutros días, botáballe carreiras ao minuteiro do reloxo ata que me levaban un bo anaco á piscina municipal. Tamén me desesperaba ante o adolescente de meu irmán, que me dixera había unha eternidade que viña xogar comigo e aínda non cumprira (pero sempre remataba por cumprir)

E si, pensei nunha infancia feliz, acompañada e divertida; en veráns de río, praias e verbenas con meus pais, de extra de lambetadas e plans emocionantes, pero tamén de tardes interminables sen facer nada, de aburrimento, de discorrer con que entreterme. Esa é a clave: dar espazo para crear, pensar, explorar; para xestionar as emocións menos agradables, para gañar autonomía.

Era o que tocaba, non era algo que daquela aprendesen en ningún manual, era a propia natureza. Agora sabemos que estaba ben. Desde a Asociación Española de Pediatría ata diferentes estudos nacionais e internacionais apuntan aos riscos das axendas saturadas da rapazada, aínda que sexan de «entretemento». Non, iso de que «sempre se fixo así e non saímos tan mal» non acerta sempre, pero ás veces volver ás orixes non estaría nada mal.

Por todo isto, non quería deixar de despedirme deste curso de Faro Educa sen desexarvos un feliz verán no que non nos falte a súa dose de aburrimento. Dese aburrimento seguro, acompañado e fértil no que, sen decatármonos, tamén medramos.

Tracking Pixel Contents