Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Familias neurodiversas apelan á inclusividade á hora de avaliar o curso escolar

«A mensaxe implícita é que o alumno non alcanza o esperado, cando a pregunta debería ser tamén se o entorno educativo está a ofrecer as condicións necesarias para que poida avanzar», denuncian

Un rapaz facendo unha avaliación final de contidos de Educación Primaria.

Un rapaz facendo unha avaliación final de contidos de Educación Primaria. / NOE PARGA

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Vigo

Chega o final de curso e con iso, miles de alumnos e alumnas galegas recibirán as súas notas finais, un momento que para unha parte importante do estudantado, é aínda máis difícil. Os nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo, en moitos casos, vén como estes documentos de avaliación non teñen en conta a súa realidade, como denuncia unha agrupación de familias a FARO a través dunha carta.

«A normativa educativa, tanto estatal como galega, é clara: a avaliación debe adaptarse ás características, necesidades e circunstancias de cada alumno ou alumna. A educación inclusiva que recollen as leis non pretende que sexan os estudantes os que se adapten ao sistema, senón que sexa o propio sistema o que elimine barreiras e facilite a participación e a aprendizaxe de todos. Porén, moitas familias de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo vivimos unha realidade moi diferente», expoñen.

Reclaman unha comunicación axeitada cos centros escolares ante a «escasa» información que reciben ás veces sobre o desempo dos seus fillos. «Ao final do curso recibimos informes nos que aparecen competencias non acadadas, dificultades de comunicación, socialización ou autonomía, pero poucas veces unha análise igual de detallada sobre os apoios, adaptacións ou axustes que o centro puxo en marcha para que esas competencias puidesen desenvolverse», afean.

As familias consideran que en Educación Infantil «aínda atopamos con frecuencia profesionais que entenden a diversidade e realizan un traballo extraordinario», pero hai quen recibe calificacións que parecen non valorar o progreso de cada neno. «A mensaxe implícita é que o alumno non alcanza o esperado, cando a pregunta debería ser tamén se o entorno educativo está a ofrecer as condicións necesarias para que poida avanzar».

Ao chegar a Primaria, moitas veces a situación agrávase e, en Secundaria, as dificultades multiplícanse. «Á complexidade propia da adolescencia súmanse aulas masificadas, departamentos de orientación saturados e profesorado que, moitas veces, quere axudar pero non dispón nin do tempo nin dos recursos necesarios», denuncian as familias. «As adaptacións metodolóxicas que deberían estar presentes durante todo o curso acaban reducidas, en ocasións, a pequenas modificacións nun exame. E cando os recursos non chegan, cando faltan apoios ou cando as medidas previstas pola normativa non se aplican correctamente, quen acaba asumindo as consecuencias é sempre o alumno».

Tracking Pixel Contents