Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CIENCIA PARA O DÍA A DÍA

A vida fascinante que agocha o solo da Terra

O solo é un sistema «vivo e fascinante» que cumpre funcións indispensables para os seres humanos, proporcionándonos auga ou alimento

Alexandra Rodríguez,  Investigadora científica da Misión Biolóxica do CSIC Galicia.

Alexandra Rodríguez, Investigadora científica da Misión Biolóxica do CSIC Galicia. / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

CSIC*

Cando eu ía á escola...

Nacín e medrei en Vigo. Era moi tímida de pequena. Aínda quegardo moi bos recordos, a cidade ás veces abrumábame. Por sorte, a miña nai tiña unha casa familiar nunha aldeíña de Ourense que foi o meu refuxio nas findes. Lembro fixarme pola ventá do coche de camiño alí nos cambios de vexetación, nos paxaros revoloteando ou no cheiro a terra mollada. Entón non o sabía, pero a ecoloxía xa empezara a interesarme.

O meu camiño na ciencia

Rematando a carreira de Bioloxía na UVigo decateime de que existían unhas Bolsas de Colaboración que permitían iniciarte no mundo da investigación e probei sorte. Vencendo a miña timidez, falei cun dos profesores que máis confianza me inspiraba e cuxa materia sobre nutrientes do solo me sorprendera. Así acabei manchando as mans con solos de todo tipo e de varios rincóns do mundo. Xamais imaxinei que me dedicaría a estudar como funciona o solo e como se relaciona co ambiente que o rodea, pero penso na conexión que sentía de nena na aldea coa natureza e todo cobra sentido.

O meu agasallo: unha curiosidade

O solo é un sistema vivo e fascinante que cumpre múltiples funcións sen as cales o ser humano non podería vivir. Unha culleriña de solo san ten máis organismos vivos que persoas hai en todo o planeta. De feito, ese cheiro a terra mollada que tanto nos gusta chámase petricor e provén en gran parte da xeosmina, unha molécula producida por bacterias que viven no solo. O solo proporciónanos auga limpa, materiais de construción e garda un coñecemento infinito sobre o pasado do planeta. E tarda unha eternidade en fabricarse: poden pasar entre 100 e 1.000 anos para que a natureza cree só un centímetro de solo fértil. Velaí por que é tan importante coidar del.

As aulas preguntan. O CSIC responde

A clase de 5º de EP do CPR Possumus e a súa profesora, Rocío Paramá.

A clase de 5º de EP do CPR Possumus e a súa profesora, Rocío Paramá. / FDV

Que foi o que te levou a especializarte en ecoloxía do solo? Que é o máis fascinante que aprendiches observando os solos?

En realidade creo que nada en concreto e todo ao mesmo tempo. Foi unha concatenación de decisións e situacións. Comecei a investigar cunha bolsa nun laboratorio de bioxeoquímica do solo. Aí descubrín, para a miña sorpresa, que o solo era moitísimo máis do que parecía a simple vista e unha cousa foi levando á outra. O máis fascinante foi descubrir que o solo non é "terra morta", senón un universo cheo de vida interaccionando sen parar co resto de pezas do noso planeta (as plantas, os animais, a auga, a atmosfera) e que sen el, a vida como a coñecemos non podería existir.

Unha curiosidade, que libro, científico/a ou experiencia influíu máis na túa maneira de entender os ecosistemas?

Máis que os libros, a min influíronme sobre todo os artigos científicos que fun lendo e as persoas que fun atopando polo camiño: desde os meus directores de tese ata as compañeiras e compañeiros de laboratorio e colaboradores. Tiven a oportunidade de traballar en ata sete centros de investigación de catro países diferentes, e de todos eles fun aprendendo algo novo. Como dato curioso, sabíades que o solo agocha o organismo vivo máis grande de todo o planeta? Moita xente pensa que é a balea azul, pero en realidade é un fungo (Armillaria) que vive baixo o solo dun bosque, ocupa o tamaño de case 1.700 campos de fútbol e crese que pode ser máis antigo que as pirámides de Exipto.

Hai algún momento do traballo de campo que lembres especialmente?

Encántame o traballo de campo. É onde realmente volvo conectar de cheo co propósito do meu traballo, así que sempre o desfruto moito, incluso cando o tempo ou a loxística non son ideais. Pero se teño que escoller un momento, sería a miña primeira recollida de mostras para a tese na Illa da Palma, por todo o que representou, a xente que me acompañaba e a beleza do lugar.

Hai algún problema científico que consideras que non recibe a atención necesaria en relación cos solos?

Aínda que aprendemos moitísimo nos últimos cen anos, o solo segue a ser un gran misterio. Por exemplo, o solo cambia en cada paso que das. Un anaquiño de terra debaixo dunha árbore é distinto ao que hai un metro máis alá. Por outro lado, estímase que no solo hai millóns de especies diferentes, pero a realidade é que só coñecemos arredor do 1% de todas as especies que viven no solo. Isto quere dicir que se o solo fose un libro de 100 páxinas, os científicos só fomos capaces de ler a primeira páxina. As outras 99 páxinas están cheas de seres vivos que aínda non teñen nome nin sabemos que fan. É como ver a moita xente nunha fábrica pero non saber que peza fabrica cada persoa. Por último, até agora a maioría dos estudos de ecoloxía do solo que queren saber como este responde ante as dificultades ás que se enfronta analizan só un problema de cada vez (por exemplo, a calor). Pero na realidade, a natureza sofre moitos problemas á vez: calor, falta de auga, incendios. Necesitamos estudar como todas estas pezas se xuntan e afectan ao solo ao mesmo tempo.

Que papel xogan os microorganismos do solo na saúde deste? Como lle explicas a alguén non científico a importancia dos microorganismos do solo?

Os microorganismos desenvolven "profesións" fundamentais para o funcionamento dos ecosistemas e a nosa vida. Por exemplo, son cociñeiros que reciclan follas e restos animais para alimentar as plantas. Sen eles non poderíamos ter cultivos ou gando do que nos alimentar. Tamén son “limpadores" que eliminan contaminantes da auga e do aire e excelentes "farmacéuticos”, pois moitas medicinas (como os antibióticos) veñen de substancias que eles fabrican para defenderse. Para que todo isto funcione, o segredo é a diversidade e o equilibrio. Un solo san precisa de especialistas distintos traballando en equipo. Se todos fosen cociñeiros pero ninguén limpase, a "comunidade do solo" non funcionaría. Ás veces pensamos que os microbios son "malos" porque nos poden enfermar, pero no solo a inmensa maioría son "veciños bos" que se axudan uns a outros. De feito, cando hai moita variedade de microorganismos bos, eles mesmos controlan aos poucos que poderían ser prexudiciais, mantendo o solo protexido e san. E se o solo está san, nós tamén o poderemos estar.

Que impacto ten a perda desa biodiversidade invisible —microorganismos, fungos, bacterias—?

O solo é o lugar que agocha a maior biodiversidade de todo o planeta. Ata hai uns anos pensábase que era menos, pero agora sabemos que o solo alberga aproximadamente o 59% da biodiversidade total do planeta. Isto significa que máis da metade de todos os seres vivos da Terra viven, nalgún momento do seu ciclo de vida, baixo os nosos pés. Desde bacterias e fungos ata insectos, anfibios, pequenos mamíferos ou plantas. Pensade nun teléfono móbil. Se lle quitas o 60% das pezas de dentro, non é que vaia máis lento ou que faga peores fotos... é que nin sequera acendería. Cando perdemos parte importante de esa biodiversidade, o solo deixa de funcionar e enferma, vólvese débil ante as dificultades. Non pode gardar nin limpar ben a auga, deixa de alimentar ás plantas e queda sen os 'veciños bos' que protexen o barrio, deixando vía libre aos microbios que causan enfermidades.

Por que debería importarnos a saúde do solo ás persoas que vivimos nas cidades? Que consecuencias cotiás pode notar a sociedade se seguimos degradando os solos?

Aínda que vivamos entre asfalto e edificios, o solo é o noso seguro de vida. Case todo o que comemos (dende o pan ata a froita), a auga que bebemos e moitas das nosas medicinas nacen dun solo san. Se o solo enferma, a comida será máis escasa, máis cara e menos nutritiva. Ademais, nas cidades con solos sans, a temperatura é máis agradable e o aire está menos contaminado. Por outro lado, o solo funciona como unha esponxa xigante. Se o degradamos ou o cubrimos todo de cemento, o solo perde a capacidade de absorber a auga cando chove moito, o que provoca as inundacións que vemos ás veces nas rúas. Por último, ter solos sans nas cidades permítenos ter espazos verdes como os parques, xardíns ou hortas urbanas das que tanto desfrutamos.

Estamos chegando tarde na protección dos solos ou cres que aínda estamos a tempo de corrixir os danos causados?

Aínda estamos a tempo, pero non podemos relaxarnos. A natureza ten unha forza incrible para recuperarse (o que chamamos resiliencia), pero precisamos por da nosa parte deixando de contaminalos e dándolles tempo para que volvan ser ecosistemas vivos. Cada pequena acción conta.

Cres que seguimos tratando o solo como un “recurso” e non como un ecosistema vivo? Que idea errónea sobre o solo che gustaría desmontar?

Si, moita xente pensa nel só como un "soporte" sobre o que pisar, no que plantar ou construír casas, cando en realidade é un ecosistema vivo, tan complexo e emocionante como un arrecife de coral ou unha selva tropical.

Gustaríame desmontar a idea de que o solo é infinito. Pensamos que sempre haberá terra, pero fabricar só dous centímetros de solo san pode tardar centos ou miles de anos. Non é un recurso que poidamos fabricar nunha fábrica; é un ser vivo que hai que coidar.

Baixo o teu punto de vista, que zonas do noso país teñen o solo máis degradado? E en Galicia, que medidas deberían adoptarse con respecto aos bosques e aos solos?

Os solos máis castigados de España están no sueste peninsular (Murcia, Almería e Alicante) debido a unha combinación fatal de factores. Son zonas moi secas onde hai pouca vexetación; por iso, cando cae unha tormenta forte, a auga arrastra a terra con facilidade ao non haber raíces que a suxeiten. Se a isto lle sumamos o exceso de agricultura e de construción, o solo acaba esgotado. Estas son as zonas que corren un maior risco de converterse nun deserto, o que coñecemos como desertificación.

En Galicia temos máis sorte polo noso clima, pero o solo tamén sofre moito debido aos incendios recorrentes, que deixan a terra espida ante a chuvia, ao exceso de eucaliptos, á construción excesiva e ao abandono dos xeitos tradicionais de coidar o monte. Para coidalo deberiamos protexer e fomentar os nosos bosques autóctonos (carballos, castiñeiros...), que son máis resistentes, crear "bosques en mosaico", é dicir, mesturar distintas árbores con zonas de pasto para que, se hai un incendio, o lume non se estenda tan rápido, adoptar prácticas agrícolas máis respectuosas coa diversidade do solo e pedir aos nosos alcaldes que constrúan máis zonas verdes nas cidades.

Que podemos facer nós como cidadáns para contribuír á conservación dos solos?

O máis importante é coñecelos, porque non se coida o que non se ama, e non se ama o que non se coñece. A partir de aí, podedes falarlle deles as vosas amigas e amigos, familiares e coñecidos para que tamén os coñezan e podan amalos. Despois, hai algunhas actividades moi sinxelas que podedes facer para coidalos. Por exemplo, recoller o lixo que atopedes cando ides de paseo polo monte ou a praia. Tamén podedes axudar a plantar árbores e plantas autóctonas na vosa zona, xa que as súas raíces son as mellores amigas do solo. Outra cousa que podedes facer é evitar usar produtos tóxicos no xardín ou na horta que danan aos seres vivos do solo e comer produtos locais e de tempada. Se apoiamos aos agricultores que coidan a terra, estamos coidando o solo entre todos.

Sobre a túa experiencia como científica: que habilidades necesitamos para adicarnos á investigación? Que consello lle darías a alguén que quere ser científico/a?

O fundamental é ter curiosidade, non perder esa capacidade que temos desde pequenas de facernos preguntas e buscar respostas. Co tempo aprendes a facer as preguntas correctas. Tamén é importante ser perseverante e non renderse ante as dificultades. A maiores diso diría que, é moi importante ter apoio. Ser científica é unha viaxe longa e, para poder marchar vivir a outros países ou superar os momentos difíciles, é fundamental ter unha familia e xente ao teu lado que te queira e poida axudar e acompañar nesa aventura. Pero se realmente o tedes claro, diríavos que loitásedes por iso, porque a verdade é que é unha profesión abraiante e o planeta precisa de máis científicas e científicos. Aínda quedan moitísimos veciños invisibles aos que poñerlles nome!

Que é o que segue a emocionarte despois de tantos anos investigando?

A forza da natureza, sen dúbida. Desde a árbore que nace nunha colada de lava fría practicamente sen solo, ata os microorganismos que son capaces de alimentarse do plástico que nós xeramos. Esa capacidade de adaptación é marabillosa.

Para rematar, se puideses resolver unha única pregunta científica antes de rematar a túa carreira, cal sería?

Gustaríame ser quen de atopar a 'receita máxica' do solo para cada ecosistema. É dicir, descubrir que combinación exacta de microorganismos e de propiedades físicas e químicas son as ideais en cada lugar para que o solo estea san e funcione á perfección.

Tracking Pixel Contents